Traballadores e traballadoras de ambulancias protestan nas bases para esixir que se fagan xa probas da Covid19 a todo o persoal
· A CIG presentou demandas nos xulgados do Social pedindo medias cautelares
Traballadores e traballadoras do sector de ambulancias na acción de protesta diante do Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa
Foto: CIG
Infogauda / Santiago de Compostela
Traballadores e traballadoras do sector de ambulancias realizaron este venres accións de protesta en múltiples bases toda Galiza para esixir da Xunta que realice as probas da Covid19 a todo o persoal do sector e reclamar a dimisión do conselleiro de Sanidade, "incribelmente desaparecido nesta situación de emerxencia sanitaria". Ademais das mobilizacións, a CIG presentou demandas no xulgados do Social pedindo medidas cautelares para que, de xeito urxente, se obrigue á Xunta a realizar estes test.
Nestas accións de protesta os traballadores e traballadoras mobilizáronse de xeito simbólico nas bases portando carteis reivindicativos para pedir que se lles recoñeza como persoal sanitario, que se lle fagan xa probas válidas, ou reclamando máis medidas de protección para garantir a súa seguridade e a dos/as pacientes que trasladan.
A CIG lembra que hai xa tres semanas, a Consellería de Sanidade comunicou que se ían realizar probas da Covid19 a todos os traballadores e a traballadoras das ambulancias, tanto do transporte urxente como do programado, para evitar a expansión dos contaxios e comprobar a incidencia da enfermidade entre o persoal do sector.
"Non obstante, até o día de hoxe só se fixeron probas nas áreas da Coruña e Vigo, onde ademais tiveron que repetilas polas deficiencias dos test. A última hora de onte informáronos de que ían comezan na zona da Mariña lucense, pero do resto do país non se sabe nada. E iso que a pasada semana o SERGAS mandou un escrito asegurando que empezaba coas probas de dobre banda", explica o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza.
O sindicalista critica que "esta é outra mentira da Xunta" na xestión da crise sanitaria, polo que a CIG acordou presentar demandas nos xulgados do Social con petición de medidas cautelares para que de inmediato se realicen estas probas. Neste senso, sinala que os tribunais superiores de varias autonomías (como País Vasco ou Catalunya) xa ordenaron medidas cautelares por demandas similares, obrigando a realizar as probas do coronavirus a todo o persoal das ambulancias.
Sobre a calidade das probas, Pastoriza aclara que "non son as que nós pedimos, pero son mellores que as que se lle están a facer a poboación para o estudio epidemiolóxico". A CIG demanda que se fagan dous tipos de probas: ELISA (que detecta anticorpos) e PCR (que detecta o virus) "de maneira que así estaría controlado todo o calendario".
As traballadoras e os traballadores de ambulancias lembran que, aínda que a Xunta non os recoñece como persoal sanitario, son a primeira liña de batalla no coronavirus porque "as e os pacientes non veñen só aos hospitais, senón que somos nós quen os imos buscar".
Ningún comentario:
Publicar un comentario