8 de maio de 2020

GALICIA

A Xunta de Galicia traslada á Fegamp a relación de 1.428 parroquias nas que hai liberdade de horario de saídas desde hoxe  

A lista foi elaborada despois do encargo da Delegación de Goberno a última hora da tarde de onte

Os alcaldes poderán manter as restricións nalgunhas parroquias que nos seus inicios eran rurais pero que foron absorbidas urbanisticamente polo casco urbano

Tamén poderán decidir a exención de franxas horarias nos núcleos que, aínda estando en parroquias de máis de 5.000 habitantes, estean o suficientemente separados



A partir de hoxe, a veciñanza de 1.428 parroquias galegas beneficiarase de liberdade de horario para saír a dar paseos e para facer deporte
Foto: X.G.

Infogauda / Galicia

 A Xunta de Galicia vén de trasladar á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a relación de 1.428 parroquias nas que pasará a haber liberdade de horario a partir de hoxe para saír a dar paseos e para facer deporte. A relación está exposta na seguinte ligazón.

 A lista foi elaborada despois do encargo da Delegación de Goberno onte á última hora da tarde, a diferenza do sucedido en Asturias, onde se acordou que fosen as propias corporacións municipais as que determinaran que núcleos estarían exentos das franxas horarias.

 En calquera caso, aínda que a Xunta publica esta relación, os alcaldes poderán manter as restricións nalgunhas parroquias de menos de 5.000 habitantes que non garden unha mínima separación cos cascos urbanos, ao ter sido absorbidos na práctica pola expansión urbanística. Do mesmo xeito, podería decidir a exención das suxeicións ás franxas horarias naqueles núcleos que, aínda pertencendo a parroquias de máis de 5.000 habitantes, estiveran o suficientemente separados do resto da poboación. Enténdese que os alcaldes son os mellores coñecedores para adoptar as decisións oportunas.

 Con esta decisión, serán 1,27 millóns os galegos e galegas que terán liberdade horaria: os algo máis de 410.000 habitantes dos 200 concellos con poboación inferior a 5.000 persoas (que xa tiñan liberdade horaria desde a fin de semana) e algo máis de 866.000 das parroquias rurais que pasarán a tela co cambio de criterio. Mentres, o resto da poboación -1,4 millóns de persoas- estarán sometidos a franxas horarias. Isto é, case a metade da poboación pasará a ter liberdade horaria, fronte ao 15% que a tiña coa interpretación por concellos que estaba vixente ata onte.

 Onte mesmo a Delegación de Goberno deu finalmente á razón á Xunta e pasou a permitir que a limitación ou non de franxas horarias se fixase en función da poboación das parroquias, e non dos concellos. A Xunta xa se tiña dirixido ao Goberno en varias ocasións para solicitar esta cuestión, que xa se viña aplicando en Asturias.

 A Xunta considera que esta é a interpretación que se debía dar desde o inicio á orde do Goberno central, por varias razóns. Por unha banda, enténdese que a finalidade da orde é evitar aglomeracións, independentemente da entidade xurídica que administre o núcleo da poboación. Esta interpretación, ademais de ser coherente coa garantía da saúde pública, resulta tamén máis favorable ao principio de favor libertatis, en tanto é menos restritiva das liberdades individuais. E, por último, adáptase mellor á realidade social galega e á súa distribución territorial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario