6 de maio de 2020

GALICIA

Sanidade traslada ao Ministerio a proposta para que Galicia pase á fase I e se flexibilice a mobilidade en todo o territorio  

Segundo o conselleiro Vázquez Almuiña, a unidade territorial de actuación sanitaria sobre a que levar a cabo medidas restritivas de mobilidade, de aconsellalo así os indicadores, debe ser aquela que, en cada caso concreto, se demostre como a máis efectiva

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, na comparecencia pública telemática celebrada no día de hoxe, ante os medios de comunicación
Foto: X.G.


Infogauda / Galicia

  O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña informou hoxe, en comparecencia pública telemática ante os medios de comunicación, da proposta que o seu departamento trasladou ao Ministerio de Sanidade para pasar á fase 1 do Plan para a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, ao entender que se cumpren os requisitos establecidos recollendo, tamén, unha proposta de modelo de unidade territorial que pretende conxugar o menor conflito posible entre a protección da saúde e os dereitos fundamentais da cidadanía.

 Para o representante do Goberno galego, durante a aplicación do Plan de transición debe permitirse a mobilidade das galegas e galegos dentro da nosa comunidade, sempre que as súas áreas sanitarias se atopen na mesma fase.

 A formulación do Goberno galego, -remarcou Almuiña-, é que a mobilidade debe permitirse para a cidadanía dentro da Comunidade Autónoma galega, sen aterse aos límites provinciais, e sempre que as áreas sanitarias de orixe e destino se atopen na mesma fase.

Capacidade de illamento de zonas concretas

 Tal e como incidiu o conselleiro de Sanidade, Galicia non pretende aumentar con esta proposta as restricións á mobilidade que o Goberno do Estado poida considerar. A proposta da Xunta baséase en ter a capacidade para o illamento de zonas concretas inferiores como a zona, o distrito ou a área, caso de ser necesario, para que, no suposto da existencia de rebrotes, se aconselle o establecemento de restricións á mobilidade.

 A toma de decisións que motiven o cambio de fase das previstas no Plan de transición, de acordo cos datos epidemiolóxicos, aplicaranse sobre o ámbito da área sanitaria.

 A unidade territorial de actuación sanitaria sobre a que levar a cabo medidas restritivas de mobilidade, de aconsellalo así os indicadores, debe ser aquela que, en cada caso concreto, se demostre como a máis efectiva para controlar de forma máis precisa e proporcionada á situación adversa.

 En consecuencia, subliñou Almuiña, será unidade territorial de actuación para impoñer restricións a zona sanitaria caso de que se poida atender a situación con esta delimitación, senón será o distrito e, de non ser posible, a área sanitaria. Esta aproximación, entende o conselleiro, que é a que permite o menor conflito entre a protección da saúde e os dereitos fundamentais da cidadanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario