Entran en vigor as primeiras Normas técnicas de
planeamento urbanístico de Galicia para unificar criterios técnicos para
a elaboración de documentos de ordenación
Esta
nova ferramenta en materia urbanística prioriza a dixitalización dos
datos espaciais como garantía de acceso á planificación territorial ao
conxunto da sociedade
Estas normas técnicas representan un novo paso na estratexia normativa impulsada pola Xunta hai xa unha década na que prima a simplificación do planeamento
Tamén se procura unha maior transparencia e lexibilidade, ao facilitar e axilizar a súa elaboración, tramitación e coñecemento
Infogauda / Galicia
As primeiras Normas técnicas de
planeamento urbanístico de Galicia entran en vigor dende o día de hoxe,
polo que Galicia conta cunha nova ferramenta coa que unificar os
criterios técnicos que regularán a elaboración de todo o planeamento
urbanístico.
As Normas técnicas de planeamento, ademais de igualar
a terminoloxía e os conceptos urbanísticos xerais, tamén unifica
calquera outra cuestión que precise aclaración ou orientación técnica en
materia de planeamento urbanístico; ademais dos criterios técnicos para
a elaboración dos documentos.
A Xunta de Galicia, a través da
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, redactou este
documento co fin de sentar unha bases que fomenten a integración da
información do planeamento nas infraestruturas dixitais de datos
espaciais. Deste xeito, ofrécese a posibilidade de establecer un acceso
sinxelo aos documentos de planeamento ao conxunto da sociedade, é dicir,
tanto aos técnicos que participen na planificación do territorio, como á
cidadanía en xeral.
As normas técnicas son un instrumento técnico
que, non só se da cumprimento ao contido do artigo 48 da Lei do solo de
Galicia e aos artigos 88 e 89 do Decreto polo que se aproba o
Regulamento da Lei, senón que tamén representan un paso máis na
estratexia normativa de simplificación e normalización técnica dos
instrumentos de planeamento.
Nese sentido, a Xunta defende que a
tramitación do planeamento debe ser unha oportunidade, non un atranco
para o desenvolvemento territorial, polo que as normas técnicas nacen da
necesidade de facilitar e axilizar a súa elaboración, tramitación e
coñecemento. En definitiva, representan unha oportunidade de mellora no
proceso de formulación e aprobación dos documentos de planeamento,
sempre na procura dunha maior transparencia e flexibilidade dos mesmos.
Contido
As
Normas técnicas de planeamento serán de aplicación íntegra aos plans en
tramitación que non acadasen a aprobación inicial na data de entrada en
vigor das mesmas, que se formalizará aos seis meses da súa publicación
do Diario Oficial de Galicia.
En base ás normas, defínense e
concrétanse os conceptos habitualmente utilizados na elaboración das
normas urbanísticas dos instrumentos de planeamento ou das ordenanzas de
edificación, así como noutros documentos escritos e na rotulación e
lendas dos planos, que xa se recollen no Regulamento da Lei do Solo de
Galicia (no seu Anexo I) e no Regulamento de ordenación da información
xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, para os conceptos
cartográficos.
Tamén se fixan os criterios de elaboración,
presentación e entrega da documentación dos instrumentos de planeamento,
como por exemplo, a necesidade dun índice xeral numerado, e dun índice
propio de cada documento, sinalando as súas páxinas numeradas e con
acceso as diferentes partes a través de marcadores, os datos
identificativos que deben incluírse en todas as follas e a correcta e
homoxénea configuración do nome de cada instrumento.
Outro aspecto
que se aborda é a regulación das abreviaturas, da simboloxía gráfica
(cores, tramas, tipos de liñas, e simboloxía gráfica), así como os
formatos de entrega da documentación (como mínimo unha copia de todo o
seu contido en soporte dixital -nun formato non editable PDF que permita
a súa sinatura electrónica e un formato editable-, sen prexuízo de que
as administracións que contraten a formulación do planeamento poidan
esixir o formato papel) e a necesidade de dilixenciación e uns códigos
cos que se deben identificar as carpetas do planeamento.
Establécese
que para a elaboración da documentación gráfica debe empregarse a
cartografía oficial rexistrada e dispoñible no Instituto de Estudos do
Territorio, que é o órgano cartográfico de Galicia; polo que cando se
fixe a necesidade de actualizar a cartografía deberá producirse e posta a
disposición do IET para a súa validación e a súa inscrición no Rexistro
de Cartografía de Galicia.
Con estas normas, os concellos
enviarán os documentos de planeamento de modo homoxéneo e comparable, e
coas características adecuadas para que sexan compatibles co Sistema
Informático de Ordenación do Territorio de Galicia (SIOTUGA). Así, neste
sistema informático, e de modo accesible ao público, poderase acceder
aos documentos do planeamento -tanto en papel como en soporte
electrónico-, cun formato, símbolos, abreviaturas, características
únicas para todos os concellos, o que supón un enorme avance no proceso
de elaboración, na transparencia e na seguridade xurídica do
planeamento.
Coa elaboración das Normas técnicas de planeamento, a
Xunta de Galicia da un novo paso na estratexia normativa para definir
un urbanismo responsable que acade a maior simplificación, transparencia
e seguridade xurídica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario