31 de maio de 2020

GALICIA

Avistadas crías de píllara das dunas en varios areais de Ferrolterra  

A píllara das dunas é unha especie vulnerable que realiza as postas de ovos directamente sobre a area, polo que ovos e poliños están sempre no chan ata que aprenden a voar

 Os ovos e as crías resultan difíciles de ver, debido as súas cores miméticas, polo que se solicita á sociedade manter a distancia coas zonas de cría e cos bordes das zonas dunares  

A píllara das dunas conta cun plan de conservación desde o ano 2014 e en 2019 foi elixida ave do ano 

Nas imaxes, poliños de apenas uns días correteando por varios areais de Ferrolterra
Fotos: Felipe Ogando Martínez


Infogauda / Galicia

A  pasada fin de semana produciuse o avistamento de crías de píllara das dunas en varios areais da Comarca de Ferrolterra. Esta escena comezará a repetirse nestas xornadas en moitos dos areais galegos porque os primeiros poliños de píllara das dunas están a romper os ovos, mentres que a maioría dos niños aínda son incubados polas píllaras adultas.

 A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus, e en castelán chorlitejo patinegro) é unha especie vulnerable que realiza as postas de ovos directamente sobre a area, polo que os ovos e os poliños están sempre no chan, ata que os polos aprenden a voar. A súa presenza é moi común en sistemas dunares e en praias ben desenvolvidas en todo o litoral galego.





 Cómpre lembrar que esta ave conta cun plan de conservación en Galicia aprobado xa no ano 2014 e o interese por esta especie fixo que no ano 2019 a píllara das dunas fose elixida ave do ano pola ONG SEO/Birdlife.

 Tanto os ovos como os poliños resultan difíciles de ver polas súas cores miméticas. As zonas de posta sinalízanse en moitos casos con carteis para advertir da súa presenza, para que a xente se manteña alonxada, e algúns niños protéxense con cerramentos, co fin de evitar que o niño se destrúa accidentalmente ou que os pais deixen de incubar os ovos no caso de sentirse ameazados.

 Nestes momentos da crise sanitaria pola Covid-19, no que se permite o uso e acceso aos areais, esperase unha afluencia significativa de xente ás praias, mesmo paseos con animais domésticos, polo que é necesario recordar a importancia de manter a distancia coas zonas de cría e cos bordes das zonas dunares, ademais da obriga de levar atados os cans e outros animais domésticos do 15 de marzo ao 15 de xullo naqueles areais nos que estean permitidos.

 Así mesmo, o emprego de maquinaria, arrastre de materiais, limpezas ou determinadas actividades deportivas deben facerse nos areais coas maiores garantías para as especies, máxime no período reprodutivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario