O Comité de Expertos Económicos avoga por flexibilizar a xornada laboral e establecer bonificacións nas cotas á Seguridade Social
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou hoxe no
encontro, no que tamén se demandou a desvinculación dos ERTE de forza
maior do mantemento do estado de alarma e deducións fiscais para
incentivar a recuperación do emprego
Tamén se puxo o foco na necesidade de establecer protocolos para a volta á actividade desde o punto de vista da prevención
Neste sentido, a Xunta está publicando guías sectoriais en colaboración coas asociacións empresariais, como é o caso dunha específica para o comercio
Neste sentido, a Xunta está publicando guías sectoriais en colaboración coas asociacións empresariais, como é o caso dunha específica para o comercio
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo participou na reunión do Comité de Expertos Económicos de Galicia
Foto: X.G.
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
O Comité de Expertos Económicos de Galicia, en cuxa reunión
participou hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, concluíu a
necesidade de que o Goberno –dentro das medidas básicas e urxentes que
se deben adoptar– desvincule o expediente de regulación temporal de
emprego (ERTE) de forza maior do mantemento do actual estado de alarma.
Tal e como apuntou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria,
Francisco Conde, despois da xuntanza, esta medida é necesaria para
“dotar de seguridade xurídica e certeza aos propios empresarios e
autónomos”.
A criterio dos expertos, que centraron a súa segunda
reunión no ámbito do emprego, o que debe ser habilitante para a
utilización deste instrumento é o impacto sobre o nivel de actividade
das empresas derivado das medidas de distanciamento social, limitacións
de afluencia ou de períodos de apertura ou calquera outra restrición
para o desenvolvemento da súa actividade.
Entre as premisas
irrenunciables sinaladas polo Comité, do que forman parte diversos
expertos do ámbito académico, económico e empresarial de Galicia, así
como os conselleiros de Facenda; Economía, Emprego e Industria; Medio
Rural, e Mar; atópase tamén a introdución de mecanismos de flexibilidade
na xornada laboral. Neste eido, segundo indicou Conde, “haberá que
traballar entre sindicatos e a propia patronal para identificar puntos
de encontro e ver como podemos adecuar a xornada laboral ás necesidades
actuais desde o punto de vista empresarial”.
Do mesmo xeito, os
expertos tamén demandan bonificacións nas cotas á Seguridade Social e
deducións fiscais para incentivar o mantemento e a recuperación do
emprego, unha medida que contribuirá ademais a minorar o impacto que a
situación actual está a ter nas contas públicas. No encontro celebrado
hoxe tamén se puxo o foco na necesidade de establecer protocolos para a
volta á actividade desde o punto de vista da prevención, que permitan
achegar confianza aos consumidores. Neste sentido, a Xunta está
publicando guías sectoriais en colaboración con distintas asociacións
empresariais, como é o caso dunha específica para o comercio.
Estas
medidas, segundo sinalaron os especialistas que participaron no
encontro, deben complementarse con accións dirixidas ao fomento do
teletraballo e con plans de formación, vinculados sobre todo ás novas
tecnoloxías.
Ningún comentario:
Publicar un comentario