18 de maio de 2020

GALICIA

A cuarta edición de Apaixónate, para fomentar a motivación, o talento e o emprendedurismo nas aulas, arranca hoxe en modalidade en liña  

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, participou a través dun relatorio virtual no que subliñou que a paixón e a vocación dos docentes é chave para espertar a curiosidade por saber e coñecer dos alumnos

Durante toda a semana participarán recoñecidos profesionais que exporán a súa experiencia en eidos tan variados como o rural, a empresa, a ciencia, a comunicación, a música ou a interpretación 

  Foto: X.G.

Infogauda / Galicia

  A xornada Apaixónate 2020 arranca hoxe a súa cuarta edición, que se desenvolverá durante toda a semana en modalidade en liña, con pequenas intervencións e relatorios de aproximadamente media hora de duración abertos a todos os docentes a través da súa aula de formación virtual, nos que participan recoñecidos profesionais de distintos ámbitos como o rural, a empresa, a ciencia, a comunicación ou as artes.

 A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, abriu hoxe a xornada cunha intervención virtual na que destacou que a paixón vai estreitamente ligada á motivación en calquera ámbito. Pomar subliñou que, no proceso de aprendizaxe, a capacidade dos docentes de transmitir esa paixón “é fundamental” para incentivar a curiosidade por saber e por coñecer por parte do seu alumnado e espertar o talento que cada un leva dentro.

 Nestas xornadas, que por primeira vez se celebran de modo virtual debido ás circunstancias derivadas da pandemia da COVID-19, Carmen Pomar invita a comunidade educativa a participar dos distintos relatorios “nos que imos escoitar historias de vida relacionadas con diferentes ámbitos, que contribúen a facer unha sociedade mellor, máis desenvolvida e máis solidaria” e que abranguen experiencias moi distintas como “a paixón polo rural, pola terra, pola ciencia, pola música, pola interpretación, pola palabra, ou polas tecnoloxías”.

Relatores

 Na xornada de hoxe interveñen tamén Juan Luis Méndez, director xeral de ViniGalicia, que exporá a vocación pola terra; e Alba Feijoo, directora de RealKiddys, cun relatorio sobre “vocación polos máis peques”.

 Ao longo da semana, intervirán Dani Diéguez, Director do TEDx Xardín do Posío (vocación polos relatorios); Marta Darriba e Sevi Martínez, presentadores do Telexornal da TVG, que falarán da vocación pola información; o actor e presentador Antonio Garrido, que abordará vocación pola interpretación; Eladio Jardín, CEO do instituto de Marketing e Comunicación, para falar da vocación pola comunicación; Jéssica Rey, Directora de Marketing Casa Grande de Xanceda, que se centrará na vocación polo rural; Luis Taboada, CEO de Qbitia, vocación pola tecnoloxía; Elena Ferro, zoqueira e Premio Nacional de Artesanía, que exporá a súa vocación pola artesanía; Paco Castro, fraile franciscano, que se centrará na vocación e Camiño; Sonia Pazos, de Ibeiran Nanotechnology Laboratory, que nos falará da vocación pola ciencia; e Guadi Galego e Guillerme Fernández, que reflexionarán da música como vocación.

Xornada formativa

 Impulsada pola Consellería de Educación e organizada pola Rede de Formación Permanente do Profesorado, esta xornada formativa púxose en marcha por primeira vez no ano 2017 no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela, aberta a todos os docentes co obxectivo de reflectir a importancia da implicación persoal no camiño cara o éxito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario