12 de maio de 2020

GALICIA

A Xunta de Galicia reforza o equipo de intervención de Seaga encargado da encomenda da retirada de niños de vespa velutina  

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as instalacións en Pontevedra da empresa pública

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda na súa visita ás instalacións de Seaga en Pontevedra
Foto: X.G.

As actuacións enmárcanse no Plan de loita contra vespa velutina posto en marcha en colaboración coa Fegamp e ao que están adheridos 278 concellos, o que supón o 90% dos municipios galegos  

Nos catro meses en funcionamento do plan atendéronse máis de 2.000 avisos  

A Xunta mantivo a atención aos avisos e o servizo durante o confinamento derivado do Estado de Alarma polo coronavirus  

Alfonso Rueda insta aos cidadáns a informar ao 012 cando detecten a presenza dun niño desta especie debido ao seu aumento nesta época do ano 

Infogauda / Pontevedra

 O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, destacou hoxe a importancia de que os cidadáns continúen chamando ao Teléfono de Atención e Información á Cidadanía -012- para avisar da presenza de niños de vespa velutina, agora que nesta época do ano comezan a aumentar. Así o destacou hoxe na súa visita ás instalacións de Seaga en Pontevedra, onde anunciou que a próxima semana se reforzará o equipo que está a retirar e destruír os niños desta especie desde comezos de ano por encomenda da Xunta ata completar o número de efectivos previsto.

 Na súa visita, na que estivo acompañado pola directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, explicou que o novo persoal unirase ao equipo de intervención tras recibir a formación específica e contará cos medios necesarios para realizar o traballo con tódalas garantías de seguridade. Deste xeito, contarán con novos equipamentos para ser máis eficientes como marcadoras de aire comprimido de gran alcance, pértegas máis lixeiras e bombas de batería para a impulsión de biocida.

 Alfonso Rueda tamén fixo balance dos catro meses que leva en funcionamento o Plan de loita contra a vespa velutina acordado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e ao que xa están adheridos 278 concellos, o que supón o 90% dos municipios galegos. Nesta liña, destacou que o Goberno galego ofrece “unha atención profesional con equipos ben preparados que contan cos medios necesarios para facer fronte ao que se converteu nun problema en Galicia e ao que a Xunta dou unha solución centralizada e coordinada cos concellos”.

 Desde que se puxo en marcha este programa o pasado 20 de xaneiro, os efectivos de Seaga atenderon máis de 2.100 avisos. Dous terzos das comunicacións concentráronse nas provincias da Coruña e Pontevedra, con 840 e 652 avisos respectivamente. Desde o comezo da encomenda, recibíronse de media 17 avisos por xornada.

 En case 500 niños procedeuse á súa retirada ou neutralización e na maioría deles nun prazo de menos de cinco días hábiles, ao estar situados a menos de 25 metros de altura e en lugares accesibles. Ademais, o equipo sinaliza os niños inactivos cunha pegatina na que se indica a data da visita.

 Por outra parte, desde o pasado febreiro infórmase por SMS do estado dos avisos ás persoas que comunicaron da súa presenza. Desta forma, contáctase co comunicante para planificar a visita do persoal de campo que, á súa vez, despois de acudir ao lugar do aviso, informa do estado da actuación.

 Debido á importancia deste servizo, a Xunta mantivo a atención dos avisos para a retirada de niños no teléfono 012 durante o Estado de Alarma polo coronavirus. Aínda que o volume de chamadas descendeu debido ao confinamento, o Goberno galego continuou cos traballos durante este período garantindo a protección e a seguridade dos efectivos de Seaga. Por iso, Alfonso Rueda insistiu na necesidade de que os cidadáns a partir de agora informen cada vez que localicen un destes niños.

 O plan, de loita contra a vespa velutina dotado con 2,3 millóns de euros de fondos propios da Xunta e do Fondo de Cooperación Local, ofrece unha resposta eficaz de forma homoxénea en todas as zonas afectadas da comunidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario