21 de maio de 2020

CULTURA

A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra arrasa na convocatoria do seu primeiro obradoiro  

As prazas esgotáronse en hora e media e segue a crecer a lista de espera para este curso sobre Escrita Creativa, que Editorial Galaxia desenvolverá na sede da Deputación en Vigo os días 15 e 22 de xuño 



Infogauda / Pontevedra

  A novidosa Escola de Letras que promoven a Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia arrancou hoxe cunha excepcional acollida, de tal xeito que en hora e media esgotou as prazas do seu primeiro obradoiro, para o que segue a crecer a lista de espera. Esta espectacular resposta amosa, en palabras da presidenta da institución provincial, Carmela Silva, que "esta Escola era unha necesidade" e, neste senso, apuntou que a Deputación pensa xa en "reforzar" o proxecto de cara ao futuro. "Eu quero dicirlle á xente que manteña a ilusión porque haberá posibilidade de participar", subliñou. 


  Trala presentación onte da iniciativa, a Editorial Galaxia, encargada da xestión das inscricións, xa recibira un aluvión de correos electrónicos amosando o interese de moitas persoas polas actividades da Escola, e que se viu materializado cando antes das 11 desta mañá, hora e media despois que se activase o enderezo electrónico para formalizar as solicitudes (escoladeletras@editorialgalaxia.gal), se esgotaron as quince prazas existentes, adxudicadas por rigoroso orde de entrada. Polo momento xa hai tamén máis de trinta as persoas en lista de agarda.


"Nós críamos que había expectativa para estas propostas culturais ligadas á escrita, pero que se esgotaran todas as prazas tan pronto e con esa lista de agarda vén dicir que tiñamos razón -destacou Silva-. E estou encantada de que sexa así. Quero lembrar que esta Escola nace co obxectivo da permanencia e a medida que vaiamos vendo como funciona e as demandas que existen seremos flexibles e iremos posibilitando máis actividades". Volveu a insistir en que "escribir, ser capaz de contar todas esas historias que temos produce moita felicidade".


Este primeiro obradoiro sobre Escrita Creativa será impartido polo director de Galaxia, Francisco Castro, e desenvolverase, se a situación sanitaria o permite, na sede da Deputación en Vigo (rúa Eduardo Chao 17) os días 15 e 22 de xuño, en horario de 19:30 ás 21:30 horas. Trátase dun obradoiro de iniciación á escritura centrado no desenvolvemento da creatividade, a experimentación literaria e o pracer de escribir. Como todos os cursos que se desenvolverán nesta escola, abordarase nunha perspectiva lúdica e participativa, porque como di o seu lema, "Tod@s temos unha historia que contar" e desde o minuto uno as persoas participantes estarán facendo literatura. Deste xeito, terán a oportunidade de plasmar sobre papel "todo o que caiba na súa imaxinación, literaturizar a vida, escribir poemas, relatos e contos" a partir das propostas que realizará o director.


Deste xeito, implementaranse actividades que actuarán como catalizadores da creatividade. E cos resultados obtidos (poemas, relatos, descrición de personaxes ou a literaturización dalgún aspecto da realidade), será o momento de teorizar e amosar como os grandes autores e autoras da literatura construían o seu universo de ficción. O obradoiro é, polo tanto, eminentemente práctico e participativo e ten como obxectivo escribir e gozar do feito de crear literatura, así como aprender as técnicas básicas da creación literaria. Todo o material necesario será aportado pola Escola aos e ás participantes ao inicio das actividades.


  Despois, a Escola continuará a súa actividade a partir de setembro, con outros obradoiros que se desenvolverán en Vigo e Pontevedra. En todos eles ofertaranse quince prazas por curso, que se adxudicarán por rigoroso orde de entrada. Esta limitación da asistencia responde, precisamente, a que se pretende unha formación o máis personalizada posible, xa que a intención é que os e as participantes escriban.

Ningún comentario:

Publicar un comentario