Activada a web 'Mellor reparar que tirar' para avanzar na consolidación da Rede Galega PxR
Trátase
dun espazo no que impulsar e fomentar a colaboración entre as entidades
locais e os axentes económicos e sociais para intercambiar coñecementos
e contribuír a reparación e reutilización de materiais
Infogauda / Galicia
Co obxectivo de dar un novo pulo á Rede
Galega de PxR (Previr para Reciclar) a Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda vén de activar o espazo web Mellor reparar que tirar (http://www.mellorrepararquetirar.gal/),
para animar a todas as entidades locais galegas a poñer en marcha un
proxecto de preparación para a reutilización e reparación na súa
localidade, polo que poderán empregar esta plataforma para a súa
divulgación, búsqueda de colaboradores e sinerxías con calquera outro
tipo de entidades.
Trátase dun espazo multidireccional posto que,
ademais das iniciativas municipais, todas as entidade interesadas
poderán publicar as súas ideas e proxectos, ofrecendo a súa cooperación
ou demandando necesidades para desenvolver con éxito as súas actuacións
en materia de preparación para a reutilización e reparación.
Cómpre
recordar que a Rede Galega PxR está pensada como un espazo transversal
de intercambio de coñecementos e experiencias nesta materia, co
obxectivo de impulsar proxectos de cooperación dirixidos á preparación
para a reutilización, co reto de contribuír á transición cara a un
modelo de economía circular na Comunidade galega.
Nese sentido, a
Consellería de Medio Ambiente convocou unha liña de axudas para
fomentar a posta en marcha deste tipo de proxectos de prevención da
xeración de residuos. Tratase dunha orde de axudas dirixida a entidades
locais e agrupacións de entidades de Galicia, cunha dotación de máis de 4
millóns de euros, para o desenvolvemento de actuacións en materia de
xestión de residuos municipais, entre as que destaca a creación e/ou a
adaptación de espazos municipais destinados á preparación para a
reutilización de materiais; actuacións que poden conseguir ata o 100% de
financiamento.
Proba piloto, en Valga
En Galicia existen
xa instalacións destinadas á reparación e á reciclaxe, como é o Centro
Ocupacional de Discapacitados (CODI) no Concello de Valga, un espazo
municipal de reparación e intercambio de enxoval, obxectos e outros
materiais, coa habilitación tamén de talleres formativos e de
sensibilización para a cidadanía.
Este espazo municipal de
autorreparación e intercambio, está promovido pola Consellería de Medio
Ambiente en colaboración co Concello de Valga, desenvólvese dentro do
CODI, promovendo así, á vez, a integración social de persoas con algunha
discapacidade.
Para o actual Goberno, a combinación das axudas
públicas ao financiamento destas iniciativas e o impulso da cooperación
entre todos os axentes implicados da sociedade, é fundamental para a
creación de novos modelos de desenvolvemento local nos nosos
territorios.
Así, a Rede Galega PxR aspira a ser un punto de
encontro de proxectos e entidades que busquen innovar e traballar nunha
mesma dirección, para instalar a Galicia nunha senda sostible e cun
modelo de economía circular onde os residuos se convertan en recursos,
pechando os ciclos de todos os materiais que empregamos a diario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario