Areeiro recomenda revisións continuas ás viñas para renovar os tratamentos contra o mildio se aparecen novos síntomas ou avanza a enfermidade
O centro dependente da Deputación de Pontevedra lanzou un novo aviso fitosanitario no que tamén constata a detección dos primeiros síntomas do oídio nas viñas
Nesta semana se observaron os primeiros síntomas
de oidio en viñas que non recibiran tratamento fronte ao patóxeno
Foto: EFA
Foto: EFA
Infogauda / Pontevedra
A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que volve constatar o avance do mildio
nas viñas a pesar dos tratamentos contra o patóxeno que están a
realizar as persoas viticulturas, polo que insiste en que as revisións
continuas ao viñedo son imprescindibles e recomenda que, en caso de que
sigan a aparecer novas manchas, novos síntomas en pampo ou en acios, ou
se detecte o avance nos síntomas anteriores, se renoven os tratamentos.
Para iso deben utilizarse produtos con acción preventiva, curativa e
antiesporulante e procurar facer aplicacións de calidade, nas que se
debe respectar o número máximo de aplicacións por campaña de cada
produto e as súas doses. Ademais, o persoal especialista de Areeiro
aconsella non empregar sempre as mesmas materias activas ou similares,
para evitar a aparición de resistencias.
Nas revisións de viñas
efectuadas esta semana, o persoal da EFA comprobou respecto a esta
enfermidade que, se en xeral as manchas antigas e os acios apareceron
coas necroses ben delimitadas e sen frutificación, tamén en zonas sen
anteriores síntomas se detectaron manchas novas e con frutificación. Así
mesmo, en viñas abandonadas de diferentes variedades volveuse observar
un incremento notorio do número e tamaño.
O aviso fitosanitario refírese tamén ao oídio das
viñas para sinalar que nesta semana se observaron os primeiros síntomas
en viñas que non recibiran tratamento fronte ao patóxeno. Aínda que o
inicio da floración é un dos períodos críticos nos que as viñas deben
estar protexidas, en especial as de variedades máis sensibles, debido á
limitada incidencia destes síntomas, non se recomendou un tratamento nos
predios onde se detectaron.
No que atinxe ao black-rot, na
última revisión só se observou o incremento na presenza de síntomas da
enfermidade en viñas abandonadas, especialmente nunha da comarca do
Condado, onde se viron tamén lesións negras no pecíolo dalgunha folla.
Nas tratadas, tanto da rede habitual da EFA como aquelas outras
revisadas nos percorridos, non se apreciaron cambios significativos.
Aínda así, Areeiro recomenda manter a vixilancia xa que, a pesar de que a
maioría de previsións anuncian melloría do tempo, houbo moita humidade
ata agora e a sintomatoloxía pode expresarse tempo despois da infección,
ata incluso tres semanas despois.
Respecto á botrite non
se esperan, polas previsións meteorolóxicas de tempo seco, condicións
favorables ás infeccións por este patóxeno. Tamén os restos das flores
nos acios que xa vaian completando este período, que en tempo húmido
quedarían adheridos e sobre eles o fungo se desenvolvería de forma
saprofítica para afectar despois ao acio, poderán desprenderse sen
problema.
Doutra banda, o aviso refírese tamén ás avelaíñas do acio. Neste senso, as capturas de Lobesia botrana
nas trampas das parcelas de seguimento da EFA están sendo baixas e
nesta semana observáronse os primeiros niños ("glomérulos") nun par de
parcelas, pero en ambos casos de xeito unicamente anecdótico.
E por último no que atinxe ás viñas, Areeiro indicou que con respecto a outras pragas de artrópodos, esta
semana observáronse en parte das revisadas unha boa cantidade de follas
con erinose, sobre todo na zona inferior dos pampos. En calquera caso,
apunta que esta praga non ten incidencia, e propón só o seu tratamento
se se trata de plantas novas e a severidade do ataque resulta elevada.
O aviso fitosanitario advirte tamén sobre enfermidades noutras árbores, cultivos e froitos. Así, no caso da maceira,
detectouse un avance do moteado nas plantas testemuña da EFA,
favorecido polas altas temperaturas e o mantemento dunha humidade
relativa alta polas noites. En todo caso, o persoal de Areeiro sinala
que se o tempo continúa estable e con ventos do norte ou nordés, como
prevén a maioría das axencias meteorolóxicas consultadas, o nivel de
risco diminuirá.
Si que se observou tamén un avance da avelaíña da mazá,
favorecida tamén polo bo tempo. Aínda que as poboacións poden cambiar
entre predios, é conveniente aplicar un tratamento debido a que parece
que se vai manter, segundo a maioría das previsións, a estabilidade
atmosférica.
A melloría do tempo favoreceu así mesmo o aumento das colonias dos insectos chupadores nos brotes tenros de diversos cultivos.
Neste senso, o persoal de Areeiro indica que a retirada das colonias
cando aínda son incipientes ou a propia eliminación dos brotes afectados
contribúe a limitar os danos que poidan ocasionar.
Hai que lembrar que mentres
permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, a EFA reduce os
percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de
seguimento habitual, que está formada polas parcelas de
seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outras fincas visitadas e
os datos aportados por técnicos e viticultores. Areeiro destaca que,
aínda así, é convinte confirmar a situación particular de cada finca,
recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario