26 de maio de 2020

A GUARDA

O Concello informa sobre temas de interese para a cidadanía 

· Na fase 2 da "desescalada"


Vista parcial da praia do Forte, en Camposancos (A Guarda)
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 As 14:09 horas, deste martes día 26 de maio de 2020, o Goberno Municipal do Concello de A Guarda vén de emitir un comunicado no que indica: "Tanto en Galicia como no resto do estado [español] están mellorando cada día os datos referidos a pandemia provocada polo virus Covid-19. Isto permite ir relaxando as medidas de confinamento provocadas pola crise sanitaria.  Así, Galicia entrou na fase 2 da "desescalada" o pasado luns 25 de maio. 

 Dada a cantidade de información que se xera a diario en canto as medidas de interese para a cidadanía e a discrecionalidade que deixan algunhas destas medidas ás entidades locais. A nova normativa e a súa interpretación foi tratada na reunión da Comisión de Coordinación do Covid-19 celebrada, como cada luns dende que empezou o estado de alarma, o pasado 25 de maio. Como conclusión dende o concello publícase un resumo daquelas medidas que poden resultar mais interesantes para os veciños e veciñas da Guarda. 

 En canto ao uso de máscaras o Goberno publicou unha orde o 19 de maio na que comunica que é obrigatorio o uso de máscaras na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público, sempre que non sexa posible manter a distancia de seguridade interpersonal de dous metros. Están exentos desta obriga os menores de 6 anos e as persoas con algún tipo de dificultade para levar a máscara. 

 Respecto das praias a normativa indica que se poden abrir dende o comezo da fase dous e que serán os concellos os que determinen as condicións específicas en cada caso. O concello da Guarda destaca que o máis importante e a conciencia e responsabilidade individual dos veciños. Deste xeito queda permitido o baño lúdico e deportivo. Na area debe manterse a distancia de seguridade social, dous metros entre persoas e catro metros entre eixes de parasois. Os grupos de persoas serán como máximo de quince e recoméndase non andar descalzos nos accesos as praias. Para publicitar estas medidas o concello poñerá cartelería polas praias e, mentras non dispoña de socorristas, será a policía local a responsable de controlar que se cumpren as medidas de seguridade. 

 En canto as franxas horarias indicar que se manteñen para as persoas maiores de 70 anos, que poden saír a pasear de 10:00 h a 12:00 h e de 19:00 h a 20:00 h. Os menores de 70 anos poden facer actividade física non profesional en calquera horario exceptuando as franxas reservadas para os maiores. 

 No mercadiño, durante esta fase, continuarán montándose os postos de produtos agroalimentarios. Os postos de téxtil e calzado non teñen data prevista, nestes momentos, para retomar a súa actividade. 

 Respecto das misas e asistencia a lugares de culto permítese sempre que non se supere un 50% do aforo. 

 Os establecementos de hostalaría e restauración poden abrir ao público para consumo no local sempre que non supere o 40% do aforo. Nestes locais deberá servirse nas mesas, non está permitido o servizo en barra. 

 Dende o concello da Guarda queremos salientar que evitar a propagación da pandemia é responsabilidade de todos e cada un de nós, debemos tomar todas as medidas de protección e hixiénicas individuais recomendadas para evitar un agravamento da situación".

Ningún comentario:

Publicar un comentario