26 de maio de 2020

PONTEVEDRA

O Museo de Pontevedra reabrirá o vindeiro martes 2 de xuño coa súa capacidade reducida ao 30 %  

A institución pretende garantir unha boa experiencia de visita ás coleccións, pero sen roteiros guiados nin eventos grupais

Xosé Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra, e unha técnica do mesmo, nun dos accesos á institución
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

  O Museo de Pontevedra reabrirá as súas portas o vindeiro martes 2 de xuño coa capacidade das súas instalacións reducida incluso a menos do 30 %. Así o confirma hoxe o seu director, Xosé Manuel Rey, quen destaca que a institución pretende garantir unha boa experiencia de visita ás coleccións permanentes e temporais con todas as garantías sanitarias. A actividade reiniciarase coa prolongación das mostras vixentes antes do peche, a dedicada a Leopoldo Nóvoa e ‘Debuxantas', pero sen roteiros guiados nin outros eventos grupais.

  Segundo explica Rey, decidiuse prolongar o peche do Museo máis alá do que permitían as fases xerais da desescalada "por unha cuestión de prudencia", e porque, a pesares de estar axustada a reorganización interna desde hai tempo, considérase que a afluencia non será moita, tendo en conta que non están permitidas as visitas doutras provincias e tampouco as grupais e de escolares. "Haberá que ver cal é a evolución", manifestou.

  Segundo indica Rey, coa finalidade de evitar aglomeracións e de reducir o risco de contaxio, as visitas á colección permanente e ás exposicións temporais reducirán a súa capacidade a un terzo de acordo coas estimacións máximas, situándose incluso por debaixo dese límite. Como exemplo, na primeira planta do Sexto Edificio (1.275 m2) a capacidade xeral é de 200 persoas, pero baixará ata as 45. A capacidade de cada un dos espazos estará indicada no ingreso a cada unha das salas de exposicións en función dos seus metros cadrados.

  Nestes días estase a finalizar o traballo de sinalización informativa e de distanciamento en todos os edificios. Instaláronse anteparos separadores en todos os lugares nos que hai contacto entre o público e o persoal traballador, principalmente nas salas de acceso e de investigación. Tamén haberá elementos indicativos no solo marcando distancias de seguridade, itinerarios preferentes mediante frechas e paneis informativos varios.

  A volta á actividade realizarase co obxectivo principal de ofrecer unha boa experiencia de visita ás coleccións. Ademais da colección temporal, estarán a disposición do público as mostras de ‘Leopoldo Nóvoa 1919-2019' e ‘Debuxantas' ata o vindeiro 30 de agosto. Mantéñense cancelados todos os roteiros guiados habituais, así como postpostos outros eventos previstos, como obradoiros, xornadas e cursos, de tipo grupal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario