Pola súa descrición das Festas do Monte Santa Trega
O alcalde solicita unha rectificación ao programa de TV “El Hormiguero”
Vista parcial dos participantes nunha edición precedente da romaría das Festas do Monte Santa Trega
Fotos: C.A.G.
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
“Despois
do malestar e disconformidade postos de manifesto na emisión do pasado
martes día 12 de maio de 2020, onde o colaborador habitual do programa
“Marron”, fixo unhas declaracións sobre as Festas do Monte Santa Trega
que en nada exemplifican a esencia das festas, identificando
erroneamente as arraigadas tradicións das mesmas”, o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, vén de remitir unha carta á dirección do programa de TV “El Hormiguero”, de Antena 3.
“Dende o consistorio se entende e defende a liberdade de expresión, pero non é certo que a explicación de “Marron” en antena represente á festa máis importante da vila da Guarda e da comarca, unha festa centenaria que está declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia, e non precisamente polo que “Marron” destacou coma tradicións”, afirman desde o Goberno local guardés.
Tal e como manifestou o alcalde, “as Festas do Monte Santa Trega son unha romaría popular que se celebra dende fai 108 anos, dende que a “Sociedad Pro-Monte Santa Tecla” organizara a primeira merenda na cima do Monte Santa Trega e, aínda que nas súas primeiras edicións tiñan só un carácter familiar e relixioso, pronto gañaron unha gran popularidade na comarca do Baixo Miño e resto de Galicia, inclusive nestes intres, a nivel nacional”.
Segundo afirman desde Praza do Reló, nº 1, Antonio Lomba quixo destacar na misiva que, “o carácter desta Festa, ao son da percusión das 20 Bandas Mariñeiras, das cales a mais veterana ten xa 53 anos, é familiar e fraternal. Na cima do Monte Santa Trega (declarado Monumento Histórico Artístico Nacional, no ano 1931, e Ben de Interese Cultural), veciños, familiares e coñecidos, reivindican o seu pasado castrexo e orgullo guardés de nacemento ou adopción. Así, estas festas son compartidas por todos os asistentes, dende os nonatos (que senten o sons e a percusión nas barrigas das súas nais) ata os centenarios”. “É a festa de tod@s”, remarcou o alcalde.
Grupos de familias e amizades, disfrutando do xantar enxebre na romaría das Festas do Monte Santa Trega
No comunicado de prensa difundido ás 21:08 horas de onte mércores día 13 maio, o executivo local lembra: “Tal e como todo o pobo da Guarda coñece, a celebración comeza á primeira hora da mañá coa Subida ao Monte, cada un coa súa banda ou o seu grupo de amigos e familiares, coa alegría de todos os romeiros, tocando bombos, caixas e gaitas o “toque” representativo de cada banda ao son da música tradicional. Celebrase despois un “xantar popular” onde as familias guardesas comparten marisco, empanada, rosca de xema e demais viandas típicas da nosa gastronomía. Durante a tarde, os romeiros tocan e danzan incansablemente e se procede á “Xura” coa que se promete e pide volver o ano seguinte e onde se ten un recordo para os que xa non están. É certo que dita xura realízase con garrafóns de viño tinto, pero se fai de maneira organizada e controlada por cada banda e convidando aos foráneos a participar tamén nela.
Xa á tardiña os romeiros baixan de novo cara á vila, despois de pasar un día que é a nosa sinal de identidade e á que se aferran cada ano todos os guardeses para poder volver a repetir ao seguinte ano. Moitos baixomiñotos que están fora, regresan á localidade para celebrala”.
Segundo o devandito comunicado de prensa “o alcalde da Guarda insistiu en que non se pode permitir que se fale das Festas do Monte Santa Trega coas palabras que falou “Marron” e por iso solicitase dende o consistorio local que se faga unha corrección de carácter público, xa que, coa súa descrición, poido crearse unha imaxe que non é a que corresponde ao carácter destas Festas, e que está a causar un malestar enorme na comunidade guardesa”.
“As Festas do Monte Santa Trega son un símbolo da tradición e do Patrimonio Inmaterial das xentes da Comarca do Baixo Miño, e tamén un sentimento de fraternidade profundo que se leva por dentro, esa é a verdadeira simboloxía das Festas do Monte e así quere o pobo da Guarda que continúe a ser”, conclúen desde o Goberno Municipal de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario