13 de maio de 2020

A GUARDA

O concello estableceu un plan de actuación para retomar a atención presencial dos servizos municipais no contexto do Covid-19  

• O concello de A Guarda primará o teletraballo nos servizos administrativos, a través da sede electrónica, vía telefónica e por correo electrónico

A atención presencial farase con cita previa para continuar mantendo a distancia social como medida de prevención

Desde o Concello procedeuse a compra de mamparas, determináronse uns itinerarios de seguridade, reforzouse a limpeza e desinfección nos inmobles e colocáronse dispensadores de hidroxel, entre outras medidas
Fotos: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz vén de facer público que no día de onte, "martes 12 de maio, reuníronse no salón de plenos do concello de A Guarda [os participantes] da Mesa de Negociación para dar traslado dos traballos que se están realizando por parte do equipo de goberno dende o inicio do estado de alarma, o 14 de marzo, e tamén da elaboración de protocolos previos á reapertura de determinados servizos. Esta semana procedeuse a atender, con cita previa, na Biblioteca Municipal, no Punto Limpo, así como na Casa do Concello".   

 As mesmas fontes indican que "nesta reunión, o alcalde, Antonio Lomba, trasladou aos membros do comité de empresa e aos representantes dos sindicatos a elaboración dun protocolo de servizos administrativos, elaborado por funcionarios municipais, documento que se remitiu aos traballadores e que está aberto ás modificacións que sexan necesarias para adaptarse á situación cambiante que xera o coronavirus. Neste documento se establece como forma de traballo preferente o teletraballo, que foi a fórmula que se adoptou dende o inicio de estado de alarma por parte dos servizos administrativos do concello, facéndoo compatible co necesario traballo presencial, para atender as necesidades dos veciños da localidade,  a través de cita previa para evitar o risco de contaxio. Hai que sinalar que outros departamentos do concello, considerados esenciais, están traballando de xeito presencial dende o inicio do estado de alarma, tales como servizos sociais, policía local, GES, persoal de servizos de recollida de lixo, limpeza viaria e vías e obras".  

O concello da Guarda ten establecido unhas liñas de actuación para posibilitar a distancia social de 2 metros


 No decurso da xuntanza "tamén se informou da elaboración dun protocolo para a implantación de medidas preventivas nos diferentes edificios ou lugares onde se reinicia a actividade, a este protocolo guía se irán incorporando, como anexos, protocolos específicos como o do albergue, biblioteca ou oficina de turismo, entre outros. Para esta adecuación o concello da Guarda ten establecido unhas liñas de actuación para posibilitar a distancia social de 2 metros. Procedeuse a compra de mamparas, determináronse uns itinerarios de seguridade, reforzouse a limpeza e desinfección nos inmobles e colocáronse dispensadores de hidroxel, entre outras medidas".  

 Finalmente o Goberno Municipal salienta que "a resposta da cidadanía a este retorno está sendo moi positiva, facendo uso maioritario da atención telefónica e con cita previa, posibilitando que non se produzan acumulacións de persoas, nin colas de espera e permitindo unha atención adecuada  do servizo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario