#COVID-19
Carmela Silva: "Todo vai cambiar e estamos a anticiparnos para definir un novo modelo turístico cunha marca que dea seguridade"
Silva: "Nesta provincia temos todo o que a xente vai demandar cando a situación se supere e estou convencida de que o sector vai saír reforzado no medio prazo"
Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, destacou hoxe que a administración provincial e o sector privado seguen a traballar na aposta polo turismo a medio e longo prazo para "saír reforzados unha vez que se poida superar a pandemia polo COVID-19". Na xornada en que comezaban as vacacións de Semana Santa, paralizadas polo coronavirus, Silva quixo lanzar unha mensaxe especialmente ás e aos visitantes de proximidade de Galicia e España, e tamén de Portugal, para que viaxen "mañá" ás Rías Baixas e "para dicirlles que aquí na provincia de Pontevedra estamos traballando, tanto as administracións publicas como o sector, para manter a excelencia e a calidade e para reforzar a nosa marca de destino. Porque nesta provincia temos todo o que a xente vai demandar cando se supere esta situación".
A presidenta da institución provincial subliñou que, unha vez levantado o confinamento, as persoas "van precisar e van desexar turismo de saúde, turismo de natureza e de reencontrarse cun mesmo". "Esa era a campaña que nós tiñamos establecida para este ano con ‘Sigue o teu instinto' e temos agora nas redes sociais con ‘Viaxa mañá –explicou-. Nós podemos ofertar iso que a xente vai desexar mañá. Polo tanto, primeiro temos que facer unha análise rigorosa de que vai a acontecer e poñer medidas para responder a curto, pero tamén ao medio prazo e ao longo prazo".
Neste senso, manifestou que "todo vai cambiar despois deste COVID-19, desta pandemia global" e que a administración e o sector "temos que anticiparnos para ir deseñando unha marca que dea seguridade". "Que a xente -avanzou- que vén a provincia saiba que vai haber seguridade, vai haber medidas de protección e que imos darlle todo iso que precisa. Estamos desexando poder camiñar por rutas, poder ir en bicicleta por paisaxes marabillosas. E estamos desexando desfrutar dun turismo de calidade cunha hostalería que ten un altísimo nivel na nosa provincia. Iso é o que vai demandar á xente e nós, o temos".
Silva reiterou a súa petición ao conselleiro de Turismo da Xunta, Román Rodríguez, para que convoque a todos os destinos galegos a un encontro para definir o futuro próximo e subliñou que amais das axudas que vai precisar o sector tanto da administración autonómica como estatal, que chegarán, "hai que deseñar cal é o modelo que imos implementar para que nos convertamos aínda máis nun destino de referencia, baseado na excelencia e na calidade".
"Este é un momento difícil –apuntou-, imos pasar momentos complicados pero estou segura que o noso sector turístico vai saír reforzado no medio prazo. E por iso é polo que temos que traballar e polo que está a traballar a Deputación de Pontevedra en torno a un sector tan importante, que en Galicia supón o 12% do PIB". Ao mesmo tempo, destacou o comportamento do sector privado nun momento extremo. "Agora mesmo estamos facendo a formación para acadar o distintivo do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED) on line e hai cerca de 130 empresas que están participando. É dicir, o sector turístico na provincia de Pontevedra segue a traballar para que cando salgamos de aquí poidamos saír reforzados, cun discurso claro e traballando xuntas e xuntos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario