8 de abr. de 2020

LABORAL

A FCM-CIG ANTE A VOLTA Á ACTIVIDADE NO SECTOR DA CONSTRUCIÓN E MADEIRA 
 
 Plácido Valencia Rodríguez* / Ourense

 Dende a federación da Construción e Madeira da CIG denunciamos a precipitada volta da actividade no sector da construción para a próxima semana. Sabemos nas condicións nas que estaban a traballar no sector sen as medidas de seguridade para os traballadores/as, situación que non mudou dende o último día antes do mal chamado permiso retribuído, polo que unha vez máis tanto a Xunta e o Goberno central como a patronal do sector priman o económico por riba da saúde dos operarios/as. 

 Polo tanto, seguiremos a ver as mesmas vulneracións no que ten que ver coa seguridade e saúde laborais, como falta de EPI e non cumprimento da distancia de seguridade entre os traballadores/as. Sumando agora ademais a vulneración na negociación das horas recuperábeis, xa que algunha empresa xa está mandando a traballar o luns 13, día que na maior parte do noso país e día de convenio. Tampouco existe negociación cos representantes sindicais, modifican os calendarios provinciais sabendo que non se pode comezar a recuperación das horas até o final do estado de alarma decretado, incumprimento que a día de hoxe xa estamos a denunciar dende a CIG. 

 Non entendemos a teima dos Gobernos galego e central e da patronal en poñer en risco os traballadores/as deste sector, un dos máis precarizados e castigados con enfermidades relacionadas co aparato respiratorio e pulmonar. Facemos fincapé en que esta volta ao traballo é un regreso ao matadoiro para moitos/as traballadores/as. 

 Dende a FCM non permitiremos que ningún empresario/a non dote ao seu persoal das medidas de seguridade necesarias, e alí onde sexamos coñecedores destas irregularidades denunciaremos diante da Inspección de Traballo e de todos os organismos implicados na seguridade dos traballadores/as. Entendemos que a actividade da construción ten que seguir paralizada até que se dean as condicións nas que os operarios/as do sector non se expoñan a un serio problema de saúde e a súa propia vida non corra perigo por falta de seguridade nas empresas. 

 En Ourense a 8 de abril de 2020 

 * Secretario Nacional da FCM

Ningún comentario:

Publicar un comentario