A Xunta de Galicia impulsará un Plan de seguridade sanitaria no eido turístico para reforzar a confianza tras a crise do covid-19
Román Rodríguez preside unha reunión extraordinaria do Consello Galego de Turismo co fin de recoller as achegas para a reactivación desta industria
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez - a esquerda da imaxe - presidiu hoxe mediante videoconferencia unha xuntanza extraordinaria do Consello Galego de Turismo
Foto: X.G.
Acorda a creación dun grupo de traballo para coordinar accións de promoción entres diferentes administracións e traballar en valores comúns ao destino
Solicita ao Goberno central medidas como a creación de ERTEs específicos para o sector ou a creación dun fondo estatal para favorecer a súa recuperación
Infogauda / Galicia
O conselleiro de Cultura e Turismo,
Román Rodríguez, anunciou a elaboración dun Plan de Seguridade Sanitaria
no eido turístico que permita reforzar a confianza neste sector unha
vez rematen as restricións impostas por mor da crise sanitaria do
coronavirus. Así o trasladou hoxe tras presidir mediante
videoconferencia unha xuntanza extraordinaria do Consello Galego de
Turismo, órgano que conta coa presenza de representantes das distintas
administracións, do mundo académico e do sector turístico, ao que foron
ademais invitados representantes das catro deputacións, e no que os
distintos participantes formularon as súas achegas para a reactivación
desta industria.
O responsable de Cultura e Turismo da Xunta, que
estivo acompañado da directora de Turismo, Nava Castro, subliñou que o
futuro desta actividade --que representa o 10,4% do PIB galego e o 11%
dos postos de traballo-- debe pasar por garantir a máxima seguridade e a
saúde dos viaxeiros, facendo de Galicia un destino 100% seguro. Neste
sentido, apostou por avanzar no deseño dun plan que contemple medidas
sanitarias e de hixiene adaptadas ás diferentes actividades e que conte
coa participación de todos os axentes implicados.
Galicia, destino fiable e de calidade
Do
mesmo xeito, Román Rodríguez aproveitou a xuntanza para acordar a
creación dun grupo de traballo que permita deseñar e consensuar unhas
liñas de actuación comúns a todas as accións de promoción que se leven a
cabo no eido turístico. O obxectivo desta proposta, concretou, é que as
iniciativas impulsadas desde as distintas administracións compartan uns
valores comúns, sen que ningunha delas perda a súa autonomía.
Neste
sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo incidiu na necesidade de
traballar desde as distintas entidades para impulsar Galicia como un
destino fiable, de calidade e excelencia, centrado en valores como a
seguridade, a tranquilidade ou a sustentabilidade, e potenciando
atractivos como a natureza, o rural e a enogastronomía.
Planificar a saída das restricións
Segundo
o representante autonómico, é fundamental apostar pola colaboración e a
cooperación entre todos os axentes implicados na posta en marcha de
medidas que permitan reactivar o sector tras a crise do coronavirus.
Lembrou que a Xunta xa avanzou a posta en marcha dun plan de
reactivación do sector cultural e turístico, cun investimento de máis de
25 millóns de euros, que incluirá accións de promoción, axudas directas
ao sector ou a creación de produtos específicos.
Con todo,
titular de Cultura e Turismo solicitou a implicación do Goberno central e
demandou a posa en marcha de medidas que atendan ás particularidades
deste sector. Entre elas, demandou a creación de ERTEs específicos para
esta industria que teñan en conta a estacionalidade desta actividade e o
feito de que, previsiblemente, este será un dos últimos sectores que
poida operar con normalidade.
Tamén instou á activación dun fondo
específico de ámbito estatal orientado ao mantemento e reactivación do
turismo e solicitou que o Goberno teña especialmente presente esta
actividade unha vez rematen as medidas de confinamento, permitindo que
os distintos axentes poidan organizar de xeito ordenado a volta á
normalidade.
Consello Galego de Turismo
Este organismo é
un foro participativo dos axentes públicos e privados que desenvolven o
seu traballo diario no eido do turismo ou en materias de clara
incidencia neste sector clave para a economía galega. Entre as súas
funcións figuran propoñer liñas de investigación e estudo sobre
cuestións de interese para o turismo de Galicia, así como facer
suxerencias ás Administracións públicas en canto á adecuación do sector á
demanda turística e á realidade social, entre outras.
O Consello
está constituído por membros das Consellerías de Cultura e Turismo,
Economía, Emprego e Industria, Sanidade, Medio Rural, e Infraestruturas e
Mobilidade, así como por representantes dos concellos a través da
Federación Galega de Municipios e Provincias, representantes das
universidades galegas, de sindicatos e de consumidores. Ademais, teñen
representación neste foro as distintas ramas do sector turístico:
establecementos hoteleiros, empresas de restauración, establecementos de
turismo rural, axencias de viaxe e centrais de reserva, hoteis
balneario e talaso, campamentos de turismo e guías turísticos. Cómpre
destacar que nesta ocasión participaron como invitados as catro
deputacións provinciais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario