30 de abr. de 2020

TOMIÑO

Tomiño celebrou un pleno para axilizar a tramitación de facturas pendentes de pago  

· O goberno local levou tamén á sesión, a prórroga por un ano, do servizo de recollida de lixo   

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño celebrou este xoves día 30 de abril, ás 19:00 horas, unha sesión plenaria ordinaria, na cal gardouse a debida distancia de seguridade, ocupando tamén os asentos do público, para garantir os dous metros de distancia preceptivos. Asimesmo, e debido ao estado de alarma, non houbo público, xa que seguen limitados os desprazamentos da poboación.  

 Os dous puntos máis importantes foron: unha modificación de crédito que ten como finalidade axilizar a tramitación de facturas e a prórroga á empresa Urbaser para continuar un ano máis coa recollida do lixo.  

 Na modificación de crédito, que ascende a aproximadamente 500.000 euros, ademáis do pago de facturas, tamén se inclúe a achega municipal que ten que facer o concello despois de ter sido concedida unha nova subvención do IDAE  (Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético dependente do Ministerio para la Transición Ecológica), para o proxecto denominado “Envolvente Térmica, edificio usos múltiples  e mercado de Goián”, subvencionado con 254.567,21 euros. Estes fondos do IDAE proveñen do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible  2014-2020.  

 Este proxecto, presentado no ano 2019, foi recentemente aprobado e busca mellorar a eficiencia enerxética do edificio anexo ao mercado de Goián. A achega municipal a este proxecto é de 83.000 euros. Deste xeito o concello de Tomiño continúa, coas subvencións concedidas polo IDAE, coa mellora de edificios públicos para reducir o consumo enerxético e mellorar a sostibilidade.  

 Asimesmo o concello tamén obtivo unha subvención da Comisión Europea para investir nas infraestructuras necesarias para ofrecer Wi-Fi de alta calidade de xeito gratuito en espazos públicos denominada WiFi4EU. Para este proxecto a achega municipal é de 5.000 euros que se suman aos 15.000 achegados pola Comisión, nun plan que chega a máis de 3.400 localidades de toda Europa, das cuales foron beneficiarias Vigo e Tomiño na nosa Área Metropolitana.  

 Por último tamén se destaca a previsión de 30.000 euros para o Plan de Reactivación Económica impulsado polo goberno, que buscará consensuar unha serie de medidas co comercio local coa finalidade de paliar a crise económica que previsiblemente seguirá ao estado de alarma. Con este fin, para o vindeiro luns convocouse unha reunión da Mesa do Comercio, na que se comezarán a debatir as medidas destinadas a reactivar o comercio local, competitividade, fidelización dos clientes, novas ferramentas facilitadoras das ventas etc.    

 Finalmente levouse a pleno a prórroga de un ano máis, do Servizo de Recollida de Lixo á empresa Urbaser; medida necesaria durante os próximos 12 meses mentres o Concello traballa na implantación da segunda fase do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, para a cal, segundo avanzou a alcaldesa Sandra González, as empresas que aspiren a ser adxudicatarias, terán que incluir e priorizar medidas impulsadas dentro de dito plan e incluir a compostaxe como unha das súas prioridades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario