28 de abr. de 2020

PONTEVEDRA


A Deputación de Pontevedra inxéctalles case medio millón de euros ás entidades sociais da provincia para reforzar a súa liquidez co fin de apoiar as persoas máis vulnerables  

A pesar de que os prazos están suspendidos, o Goberno provincial axiliza os pagamentos de 66 ONG e asociacións sen ánimo de lucro da provincia para proxectos sociais

  Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

  Un total de 66 entidades sociais da provincia, que lles prestan un servizo imprescindible de apoio ás persoas e aos colectivos máis vulnerables, están a recibir estes días o pagamento das subvencións aprobadas pola Deputación de Pontevedra para o desenvolvemento de proxectos singulares e proxectos de intervención social. A medida supón unha inxección directa de liquidez de 470.000 euros nun momento no que os recursos para a atención das persoas en risco de exclusión social son máis necesarios que nunca.

  O Comité da COVID-19 da Deputación deu conta do estado de tramitación dos pagamentos: 62 das asociacións e ONG beneficiarias destas axudas xa dispoñen das transferencias nas súas contas bancarias e as últimas catro están a xestionar os derradeiros trámites administrativos. A presidenta provincial, Carmela Silva, remarcou que a Deputación está a realizar estes libramentos, correspondentes á convocatoria de axudas do ano 2019, con moita antelación sobre o calendario previsto; todo isto a pesar de que os prazos administrativos están suspendidos trala declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo.

  A Deputación é consciente de que as asociacións do sector terciario realizan "un traballo moi valioso, e as administracións públicas teñen que estar á altura proporcionándolles unhas axudas económicas que serven para que desenvolvan un traballo que mellora a nosa sociedade e, ademais, na medida das súas posibilidades e na atención aos seus colectivos específicos, lles poidan facer fronte aos efectos da pandemia causada pola COVID-19". Por outra banda, destacou que os servizos provinciais están en contacto coas asociacións para que presenten as memorias xustificativas de cara á aprobación dos proxectos que van ser subvencionados durante este ano 2020. Neste sentido, indicou que "nesta situación de crise sanitaria toca anticiparse e ser máis áxiles que nunca para apoiar un tecido solidario, formado por persoas altruístas que dedican o seu tempo a axudar as e os demais".

  Os proxectos subvencionados ocúpanse de bancos de alimentos, atención á infancia, servizos de intérpretes para persoas xordas, intermediación laboral de persoas con diversidade funcional, atención biopsicosocial de doentes de oncoloxía, emprego inclusivo, bolsas de alfabetización, formación ocupacional e agricultura ecolóxica para persoas extoxicómanas, rehabilitación funcional de pacientes de alzhéimer, prácticas non laborais para persoas con problemas de saúde mental, atención integral a persoas, intervención educativa con menores, estimulación da linguaxe oral en persoas con síndrome de Down, inserción sociolaboral, autonomía para a vida, mellora na atención das necesidades sanitarias de nenas e nenos con parálise cerebral, intervención terapéutica e sensibilización en dereitos humanos e xustiza social a nivel global.

  No conxunto de entidades con implantación no territorio e con proxectos financiados pola Deputación atópanse, entre outras, a Asociación Española contra o Cancro, a Fundación Érguete-Integración, o centro Radio ECCA, a Asociación de Loita contra a Droga Alborada, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Vilagarcía (Afasal), a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (Feafes), a Asociación Érguete (Cogami-Pontevedra), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (Afaga) e de Pontevedra (Afapo), a Fundación Monte do Gozo (Proxecto Home Galicia), a Asociación de Familiares con Alzheimer do Morrazo (Afamo), a Asociación de Apoio á Infancia e á Mocidade (Arela), a Asociación do Síndrome de Down (Down Pontevedra-Xuntos), a Asociación Érguete Baixo Miño, a asociación Down Vigo, a Asociación Amencer-Aspace, a asociación para persoas con discapacidade Esperanza Salnés, a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, a Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (Apamp), a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga), a Confederación Cogami e a Fundación Unicef.

Ningún comentario:

Publicar un comentario