16 de abr. de 2020

O ROSAL

O Concello pon en marcha o reparto de comida a domicilio para persoas adultas en situación de vulnerabilidade pola crise sanitaria  

Xestionarase a través de Servizos Sociais. Varios restaurantes do municipio tamén preparan comida para levar por encargo   



Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal segue atendendo ás persoas máis vulnerables no escenario de excepcionalidade que se está a vivir pola crise sanitaria e traballando para cubrir as necesidades que van xurdindo a raíz do confinamento forzoso. Por este motivo, o Concello pon a disposición de persoas adultas que se atopen en situación de vulnerabilidade pola crise sanitaria por COVID-19 un servizo de reparto de comida a domicilio. “Consideramos que nestes momentos é necesario facer un esforzo para prestar un servizo que é moi necesario e atender ás persoas máis vulnerables”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández. 

 Trátase dunha iniciativa que se xestionará a través dos Servizos Sociais do Concello e que irá destinada a todas as persoas con problemas para saír a mercar, a buscar a comida, que non estean en situación de cociñar ou que teñan algunha necesidade derivada da situación actual.  

 Serán menús variados e equilibrados listos para quentar que se levarán a domicilio dos e das usuarias unha vez á semana extremando as precaucións de hixiene e distanciamento social requiridas nos protocolos de prevención. Os usuarios e usuarias poderán elixir entre un menú para 5 ou para 7 días e se precisa comida ou comida e cea. O servizo non será gratuíto, senón que terá un prezo axustado que variará en función das necesidades da persoa solicitante:  

- Comida: primeiro prato e segundo prato: 4,95€/día. 

- Comida: primeiro prato, segundo prato e postre: 5,30€/día. 

-  Cea: primeiro prato e segundo prato: 3,50€/día. 

- Cea: prato único: 2,25€/día. 

 As persoas interesadas e que cumpran os requisitos poden solicitar este servizo chamando ao teléfono 986 62 50 00 e solicitando falar coa área de Servizos Sociais.  

Comida para levar 

 Ademais do servizo de comida a domicilio posto en marcha polo Concello, no municipio diferentes restaurantes están a ofrecer comida para levar por encargo durante a situación de crise sanitaria. Unha aposta polo comercio de proximidade que pode facilitar e facer máis levadía a situación que se está a vivir durante este estado de alarma. Así, por exemplo, pode encargarse a comida para levar no: 

- Restaurante As Brasas. Prepara menú diario ao mediodía para todas as persoas interesadas. É preciso chamar ao teléfono 609 349 080 sobre ás 10:00 h., para facer reservas para o mesmo día e os menús recóllense na barra exterior do restaurante.  

- Restaurante La Pradera. Prepara comidas para levar os sábados e domingos por encargo. Os números de teléfono son 986 611 277 ou 687 872 045.

Ningún comentario:

Publicar un comentario