14 de abr. de 2020

O ROSAL

PECHADO O PUNTO LIMPO DURANTE O ESTADO DE ALARMA  

Entullo de obras, televisores, pneumáticos, voluminosos, madeira, roupa ou chatarra, algúns dos residuos que aparecen con máis frecuencia nos colectores  

Lémbrase á veciñanza a importancia da correcta xestión do lixo nestes intres para minimizar os riscos tanto para os rosaleiros e rosaleiras como para o persoal municipal  

      Foto: C.O.R.


Informa: Concello do Rosal

 Nos nosos fogares existen unha serie de residuos que polas súas características non poden ser tirados aos colectores de recollida selectiva distribuídos ao longo do municipio, senón que teñen que ser levados e xestionados por xestores autorizados a través do Punto Limpo. Unha correcta xestión do lixo que permite minimizar os riscos tanto para toda a veciñanza como para os traballadores municipais, que están a realizar un labor esencial para manter o servizo de recollida. Dende o Concello queremos agradecer o gran traballo que están a facer durante estes días de crise sanitaria, cun grande esforzo pola súa parte e cunha grande implicación profesional pero sobre todo social e humana para que o resto da veciñanza poda levar esta situación da mellor maneira posible.  

 Na seguinte listaxe indícanse algúns dos residuos que aparecen con máis frecuencia nos contedores e a problemática que levan asociada:      

· Entullo de obras: rompe os colectores debido ao seu peso e, por este mesmo motivo, dana o camión de recollida do lixo.     

· Televisores: conteñen no seu interior sustancias altamente contaminantes, saturan os colectores e, ao ser baleirados no camión de recollida, as pantallas estralan e saltan supoñendo un risco físico para os traballadores.     

· Pneumáticos: ao facer o cambio de pneumáticos, os talleres oficiais xa xestionan estes residuos xa que están obrigados por lei a facelo.     

· Voluminosos: tal e como indica o seu propio nome, estes residuos saturan os colectores. Na meirande parte dos casos son residuos que acaban sendo abandonados na rúa co impacto visual desagradable que iso xera. Ademais, o camión de recollida do lixo non pode recoller este tipo de residuos porque danan gravemente o vehículo.     

Roupa, alfombras, madeira, chatarra, etc…: estes residuos polo seu gran volume colapsan os contedores e a caixa do camión do lixo. Os téxtiles atáscano ao engancharse na prensa obrigando ao camión a deter a recollida de lixo e aos operarios a meterse dentro da caixa e desenredar os residuos para así poder reanudar o servizo.

 O Concello do Rosal dispón dun único camión para a recollida do lixo. Se este vehículo sofre unha avaría impide poder realizar con normalidade o servizo. Está na responsabilidade individual de cada un dos veciños e veciñas do Rosal botar exclusivamente os residuos pertinentes nos colectores de recollida selectiva. Se todas as persoas son responsables e contribúen a elo, as rúas do noso concello estarán moito mais limpas e teremos un servizo de mellor calidade.  

 Durante o período do estado de alarma, o Punto Limpo permanece pechado para evitar que as persoas usuarias do mesmo e as encargadas da súa xestión estean expostas ao risco de contaxio polo COVID-19. Ademais, as empresas autorizadas para a recollida deste tipo de residuos, por mor do estado de alarma non están prestando os seus servizos.  

 Por estes motivos e polas problemáticas sinaladas anteriormente, reitérase á veciñanza que estes residuos non poden ser levados aos colectores nin abandonados na rúa. O incumprimento disto implica sancións económicas asociadas que van dende os 30€ ata os 300€.

Ningún comentario:

Publicar un comentario