14 de abr. de 2020

O ROSAL

Primeiras axudas extraordinarias da Deputación de Pontevedra para O Rosal  

· Empregaranse na incorporación dunha auxiliar de axuda a domicilio e na compra de alimentos para afrontar o incremento das necesidades sociais derivadas do COVID-19   

A esquerda da imaxe atópase á porta de acceso ao departamento da traballadora social do Concello do Rosal
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal xa ten a súa disposición os case 18.000€ da nova liña de axudas extraordinarias posta en marcha pola Deputación de Pontevedra para facer fronte ás novas continxencias causadas pola pandemia do COVID-19 e dar resposta rápida ás necesidades básicas da veciñanza que se atopa nunha situación de maior vulnerabilidade a causa da crise sanitaria. 

 A alcaldesa Ánxela Fernández afirmou que o Concello rosaleiro investirá parte desta axuda na compra principalmente de alimentos cos que afrontar o incremento das emerxencias sociais que van xurdindo nas últimas semanas como consecuencia da pandemia por coronavirus e do estado de alarma decretado, con “demandas de necesidade urxente e puntual das e dos veciños que se atopen en situación de risco de exclusión social e con especial atención as persoas con menores ao seu cargo ou en situación de especial vulnerabilidade”.  

 O novo financiamento da Deputación tamén servirá para a prestación de servizos básicos de emerxencia, que no caso do Rosal tradúcese na incorporación temporal dunha auxiliar de axuda a domicilio. O servizo de axuda no fogar é de vital importancia para garantir e protexer o interese xeral dos veciños e veciñas especialmente durante o estado de alarma, polo que é preciso “manter a atención domiciliaria polo incremento das necesidades da poboación que emprega este servizo pola situación de confinamento decretada”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario