19 de xan. de 2026

BAIONA

A XUNTA DE GALICIA ACEPTA A CESIÓN DE SOLO DO CONCELLO DE BAIONA PARA CONSTRUÍR 12 NOVAS VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA NO MUNICIPIO PONTEVEDRÉS 

• O Executivo autonómico toma razón do expediente de aceptación da cesión gratuíta dunha parcela municipal, e continúa ampliando o parque público residencial 

• O investimento autonómico estimado na execución das obras roldará os 2,3 M€ 

• Nas vindeiras semanas licitarase por un importe superior aos 120.000 euros a redacción do proxectos básico e de execución e dirección de obra para a construción dun edificio de 12 novos fogares 

 O Goberno galego segue avanzando para duplicar o parque público residencial nesta lexislatura, tendo xa en marcha e en diferentes fases de execución preto de 3.000, ás que se sumarán 1.000 fogares públicos máis neste mesmo ano 


Situación da parcela 
Fonte: X.G.


Infogauda / Baiona

 O Consello da Xunta de Galicia tomou hoxe razón da tramitación do expediente de aceptación de solo cedido gratuitamente por parte do Concello de Baiona, que lle permitirá á Xunta impulsar a construción de 12 vivendas de promoción pública neste municipio pontevedrés. Seguindo coa progresión no compromiso do Executivo autonómico de duplicar o parque público de vivenda na Comunidade para o ano 2028, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Sociedade de Vivenda Pública (Vipugal), recibiu o compromiso do Concello desta cesión da titularidade gratuíta da parcela J do polígono UE núm. 3 do PERI 3 de Baiona, no obxectivo de impulsar vivenda protexida nesta vila e seguir incrementando o parque público residencial autonómico. 

 O Goberno galego deulle tamén o visto e prace á próxima licitación, por un orzamento superior aos 120.000 euros, da redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra para a construción dun edificio de 12 vivendas públicas, garaxes e rochos na citada parcela, que acada unha superficie de 871 metros cadrados.  

 O investimento estimado na execución deste obras roldará os 2,3 M€. 

 A Xunta, a través de Vipugal, licitará estes contratos e os técnicos ou empresas adxudicatarias terán un prazo de cinco meses para a elaboración dos proxectos. Con esta nova cesión de solo, Baiona súmase aos 13 concellos que nesta lexislatura están xa a colaborar coa Xunta no desenvolvemento de vivenda pública. Esta rede inclúe concellos como Pontevedra, Lugo, Teo, Lalín, A Estrada, A Coruña, Vilagarcía de Arousa, Ames, Carballo, Narón, San Cibrao das Viñas, Arteixo e Bueu. 

 O Goberno galego continúa a traballar para duplicar o parque público residencial na Comunidade Autónoma nesta lexislatura, tendo en marcha e en diferentes fases de execución preto de 3.000, e co obxectivo de sumar neste mesmo ano 2026 outros 1.000 fogares públicos máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario