A CIG desenvolve accións de protesta simbólicas para esixir medidas de protección para a clase traballadora
· Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral
Na imaxe, unha das protestas simbólicas desenvolvidas no día de hoxe pola CIG
Foto: CIG
Infogauda / Galiza
Con motivo da conmemoración este martes 28 de Abril, do Día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral, a CIG realizou unha serie de protestas simbólicas diante de varios centros de traballo representativos da falta de medidas de protección e dos riscos aos que están sometidas as traballadoras e traballadores, agravadas no actual contexto de emerxencia sanitaria. Así mesmo, a central tamén levou as accións ás portas dos edificios administrativos da Xunta para demandar que se obrigue as empresas a aplicar as medidas de seguridade necesarias e que se realice un control estrito do seu cumprimento.
Con tal obxectivo, apunta o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, os lugares elixidos para realizar estas accións "son unha mostra daqueles sectores nos que resulta evidente a falta de seguridade: sanidade, limpeza, residencias de maiores, axuda no fogar, comercio de alimentación, sector das ambulancias, etc.". Así as mobilizacións fixéronse diante da residencia DomusVi Barreiro en Vigo, da residencia Concepción Areal da Coruña (tamén xestionada por DomusVi), nos hospitais Lucus Augusti de Lugo e no Clínico de Compostela, nos polígonos industriais das Gándaras en Ferrol, do Campiño en Pontevedra e do Tambre en Santiago, no estaleiro Freire de Vigo, diante de Extrugasa e Exlabesa en Valga e diante do Concello de Ourense, dada a crítica situación do servizo de axuda no fogar e no servizo de limpeza deste municipio.
O secretario xeral da CIG engade que, precisamente, co gallo da celebración do Día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral, "mobilizámonos para denunciar a ausencia de medidas de protección para quen ten que traballar, que non se está a exercer un control estrito para que se traballe con seguridade, ou que incluso se teñen relaxado algunhas das medidas adoptadas durante as primeiras semanas do estado de alarma, como ás relativas ás persoas especialmente sensíbeis", cuxa saúde queda en mans dos criterios do servizo de prevención contratado polas empresas.
Ademais, neste momento da chamada "desescalada", "as situacións de risco e os abusos patronais non só continúan, senón que mesmo se incrementan". Neste senso, Carril denuncia que as medidas adoptadas polos diferentes gobernos dende o inicio do estado de alarma tiveran “unha maior e descarada preocupación pola saúde da economía que pola saúde da poboación”, como se evidenciou coa negativa a paralizar toda actividade agás a esencial nun primeiro momento, ou co reinicio da mesma tras dúas semanas de paralización, sen que se deran todas as garantías nin se corrixiran as deficiencias previas.
Unhas medidas de prevención, matizou, que tamén se teñen que contemplar e preservar no teletraballo, pois malia ser o traballo a distancia unha das medidas promovidas polos gobernos no contexto actual, non se adoptou ningún mecanismo de control para garantir que a actividade nos domicilios se realice con todas as garantías.
Diante disto, Carril advirte que "non podemos permitir que se siga enfrontando esta crise con políticas que empobrecen máis a maioría do pobo e poñen en risco permanente a nosa saúde, mentres o capital segue marcando as decisións, sen garantías dos dereitos humanos fundamentais, dunha protección social plena e dun emprego e salarios dignos".
Un Primeiro de Maio diferente, pero igual de reivindicativo
Estas accións dan continuidade ás protestas realizadas a pasada semana diante dos edificios do goberno español e galego e enmárcanse na compaña previa ao Primeiro de Maio, que a CIG conmemora baixo o lema "Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro".
Aínda que este ano a celebración do Día Internacional da Clase Traballadora será diferente por mor do estado de alarma, o secretario xeral da CIG insta a manter o carácter combativo e reivindicativo da data, a que se penduren das xanelas e balcóns bandeiras da patria e vermellas e a entoar, ás 12:00 horas do mediodía a Internacional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario