O comité de Vitrasa reclama que se limite o aforo dos autobuses e a súa desinfección despois de cada quenda
Remitiulle escritos aos grupos políticos con representación no Concello de Vigo solicitándolles apoio
Bus de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, reclama que se limite o aforo dos autobuses e que se limpe e desinfecte o posto de traballo despois de cada quenda. Onte remitiulle escritos a todos os grupos políticos con representación no Concello de Vigo explicando solicitándolles apoio ás súas demandas.
Dende a representación do persoal, indican que segundo a normativa de prevención do novo coronavirus “no transporte de pasaxeiros os vehículos deberá garantirse a máxima distancia entre as persoas usuarias, polo que non poderán ocuparse máis dun terzo dos asentos dispoñíbeis”.
Neste senso, as últimas medidas feitas públicas polo Ministerio de Sanidade establecen que a distancia interpersoal será de dous metros, mentres que o aforo deberá cumprir con este requisito de distancia entre persoas.
Explican que Vitrasa asume esta distancia como a correcta, e sinala para a ocupación máxima dos autobuses 1/3 da súa capacidade total. Mais a diferenza entre estes dous supostos é enorme, xa que mentres que a capacidade de asentos dun autobús de 12 metros é de 26 (o que suporía uns 9/10 pasaxeiros/as por vehículo), a capacidade total do vehículo é de 92 persoas (cifra que contempla Vitrasa para calcular a ocupación, que vén sendo dunhas 30 ou 35 persoas). “Este número de pasaxeiros/as é excesivo, xa que estamos a falar dun vehículo cunha superficie útil de carga duns 20 metros cadrados”.
Limpeza dos vehículos
No que respecta á limpeza e desinfección dos autobuses, o comité de empresa solicitara iniciar cada quenda dende cocheiras cun autobús limpo e desinfectado, “xa que ao reducir nun 50% o servizo hai autobuses dabondo e esta medida é perfectamente realizable”. Con todo, Vitrasa reduciu o servizo de limpeza diario e pretende que sexa o propio condutor/a o que, no cambio de quenda, realice a limpeza do posto de condución, “obrigándonos a realizar esta tarefa co propio líquido que usan para limpar as mans (auga osixenada) e un rolo de papel”.
Dende a representación dos traballadores/as entenden que a limpeza e desinfección non é labor do persoal de condución. “Os medios que nos dá a empresa non son os axeitados, e na maioría das ocasións o cambio de quenda realízase en metade do percorrido e con pasaxeiros/as dentro, polo que non nos parece nin o momento nin o lugar apropiados para realizar este labor”. Neste senso, consideran “inadmisible” que se reduzan os labores de limpeza cando é unha das principais medidas aconselladas para previr posibles contaxios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario