Ángeles Vázquez e David Arcay analizan a preocupación dos pescadores de río por retomar a actividade cando finalice o confinamento
A conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, mantivo esta mañá unha reunión a
través dunha videoconferencia con David Arcay, un pescador de referencia
na Comunidade galega
Foto: X.G.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sinala que a pesca deportiva é outra das actividades económicas afectadas pola crise sanitaria do COVID-19, xa que marzo, abril e maio son meses importante para o sector
Ángeles Vázquez mantivo unha videoconferencia co campión do mundo de pesca deportiva, para escoitar a súa opinión sobre como se poderá retomar esta actividade cando o Estado declare a fin do confinamento
Infogauda / Galicia
A conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión a
través dunha videoconferencia con David Arcay, un pescador de referencia
na Comunidade galega e campión mundial de pesca deportiva en varia
ocasións, para coñecer e analizar a preocupación dos pescadores de río
por retomar esta actividade, cando finalice a situación de confinamento
por mor da crise sanitaria do COVID-19.
Ángeles Vázquez escoitou
de Arcay as preocupacións do colectivo da pesca deportiva, que tamén son
conscientes da situación actual do país e as dificultades sociais e
económicas que isto está xerando e, sobre todo, que xerará. Ambos
coincidiron en que ao redor da pesca deportiva existe unha actividade
económica, como as tendas de efectos navais e artefactos, que se viron
afectadas polo cese da actividade, xustamente no momento máis importante
en termos de ventas, pois os meses máis importantes para este sector
son marzo, abril e maio.
A conselleira de Medio Ambiente agradeceu
a Arcay e ao colectivo de pescadores o seu comportamento durante o
período de confinamento, pois –agás persoas puntuais como as persoas
denunciadas a semana pasada- acataron non saír ao río xustamente en
véspera do inicio da actividade, tras un ano de espera. A nota positiva a
estas semanas de confinamento é que o entretemento para os afeccionados
pasou por aproveitar este tempo montando moscas e preparando o
equipamento persoal, para cando se poida retomar a pesca, tal e como lle
trasladou o campión mundial de pesca deportiva.
Nese sentido, a
conselleira invitou a David Arcay a trasladar todas e cantas iniciativas
e ideas considere para articular a volta á actividade da pesca no
momento no que o Estado levante a situación de confinamento para as
actividades que se practican ao aire libre e de xeito individual, como é
o caso da pesca deportiva.
Recordou que este compromiso xa llo
trasladou a semana pasada aos membros da Federación Galega de Pesca, cos
que tamén mantivo unha reunión por videoconferencia, na que coincidiron
na necesidade de seguir en contacto para analizar como evoluciona a
situación e de que xeito se poderían retomar ambas actividades, cando
chegue o momento e sempre de forma paulatina e en función das decisións
que vaian adoptando Xunta e Estado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario