26 de abr. de 2020

GALICIA

Sanidade aconsella soamente empregar produtos viricidas rexistrados polo Ministerio  

A Consellería de Sanidade subliña que a adquisición doutro tipo de produtos non testados contra o COVID-19 pode dar unha falsa sensación de seguridade

        Foto: X.G.


Nos casos do ozono e o dióxido de cloro todavía se descoñece en que dosis poderían ser empregadas na presenza das persoas  

As tarefas de desinfección unicamente poden ser realizadas por empresas autorizadas na utilización de produtos biocidas  

Infogauda / Galicia

 A Dirección Xeral de Saúde Pública informa á poboación de que soamente se deben empregar produtos biocidas cuxa eficacia contra o virus SARS-CoV-2 estea probada e rexistrada na listaxe de viricidas emitida polo Ministerio de Sanidade.

 A derradeira listaxe de biocidas -con actividade viricida- publicada polo Ministerio de Sanidade foi actualizada o pasado día 20 de abril e, nesta, figuran os produtos que poden ser empregados tanto no uso doméstico, como na desinfección de grandes espazos públicos. Sanidade advirte que empregar produtos no recollidos na listaxe do Ministerio pode dar lugar a unha falsa sensación de seguridade.

 Neste senso, sinala que no caso do ozono ou dióxido de cloro, aínda que xa foron avaliadas as súas capacidades como viricidas en determinadas condicións, todavía se está a facer unha avaliación sobre o risco que supón o seu emprego.

 Desde a Dirección Xeral de Saúde Pública incídese en que para ser autorizado o uso dun biocida, precísanse avaliacións de carácter toxicolóxico, eco-toxicolóxico e físico-químico, ademais da toda a información relativa aos seus usos, concentracións e datos de exposición. Porén, e dado que se descoñecen os seus efectos ao ser nebulizados sobre as persoas, desaconsellase o seu emprego.

 Así mesmo, e ante a detección dun incremento de empresas de limpeza e mantemento que están ofertando os seus servizos de desinfección en espazos públicos e privados, o Sergas incide en que tódalas empresas que presten servizos de desinfección a terceiros mediante o uso de biocidas, deben estar inscritas no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas da Comunidade Autónoma de Galicia (ROESB Galicia) pois, estas empresas están suxeitas a constantes inspeccións por parte das autoridades sanitarias e ademais de contar con persoal técnico cualificado para desempeñar as tarefas de desinfección.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas

 A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

 Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

 Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas asa dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Recomendacións

 Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven a reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara internado cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Ningún comentario:

Publicar un comentario