A Xunta de Galicia comeza a distribuír os ordenadores e conexións a Internet para familias con menos recursos a través dos centros educativos
A medida está dirixida a alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional e as familias recibirán os equipos a través dos seus centros de ensino
Cada centro recibirá tres portátiles, que van equipados con conectividade 4G gratuíta, grazas á colaboración dos operadores R, Vodafone e Orange
A dotación deste equipamento, xunto co reforzo dos recursos dixitais, forma parte do paquete de medidas que puxo en marcha a Xunta para facilitar o seguimento en liña da actividade educativa
Desde a entrada en vigor do estado de alarma triplicouse o uso das plataformas e aplicacións dispoñibles e máis de 58.000 docentes e alumnos empregaron o servizo de videoconferencia habilitado para este período
O Ministerio vén de comunicar que Galicia recibirá 928 liñas de datos das 20.000 que anunciou para estudantes de Bacharelato e de FP Media e Superior de toda España
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia comeza hoxe a distribución de
1.000 portátiles con conexións a internet gratuítas, destinados a
familias con menos recursos e cuxos fillos cursen Secundaria,
Bacharelato ou Formación Profesional. Esta medida, aprobada no último
Consello da Xunta, realízase en colaboración cos operadores R, Vodafone e
Orange. A familias recibirán os equipos e a conectividade como préstamo
persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento da actividade
educativa, mentres dure o estado de alarma.
Os portátiles
entregaranse ás familias a través dos seus centros de ensino, grazas á
colaboración dos equipos directivos, cos que se contacta previamente
para pechar a entrega do equipamento. Cada centro recibirá tres equipos
con conectividade, que distribuirá entre as familias atendendo á súa
situación socioeconómica, priorizando o alumnado dos cursos de final de
etapa que titulen (4º da ESO, 2º de Bacharelato e 2º de FP) e a aquelas
familias que non dispoñan nos fogares de ordenador nin de conexión a
internet.
Triplícase o uso das plataformas online
A
dotación deste equipamento forma parte do paquete de medidas que puxo en
marcha a Xunta para facilitar o seguimento en liña da actividade
educativa. Entre as últimas actuacións está a posta a disposición dos
docentes, esta mesma semana, dunha plataforma de videoconferencia que xa
permitiu máis de 20.000 comunicacións, nas que participaron máis de
58.000 docentes e alumnos.
Ademais, desde o pasado luns os
provedores de contidos da plataforma E-Dixgal: aulaPlaneta, Edebé, Netex
e Pearson, permiten o acceso ao seus contidos aos centros que non están
integrados na iniciativa, unha medida da que se poden beneficiar ata
95.000 rapaces.
Por outra banda, as plataformas coas que xa contaba a comunidade educativa galega incrementaron o seu uso desde a entrada en vigor da emerxencia sanitaria en Galicia. A aplicación abalarMóbil triplicou os usuarios diarios, e fronte aos 28.000 de media antes da crise, estes días rexistráronse nalgunha xornada máis de 86.000 usuarios. AbalarMobil ofrece distintas modalidades de comunicación entre profesores, centros e familias, e nesta semana é especialmente relevante porque permite ás familias consultar as cualificacións da segunda avaliación dos seus fillos, que se está a realizar estes días en boa parte dos centros.
Tamén as Aulas Virtuais dos centros
triplicaron o número de usuarios, pasando duns 18.000 de media diarios
antes da emerxencia sanitaria a rexistrar máis de 58.000, triplicando
tamén o uso da plataforma, que pasou de 1 millón de interaccións
diarias a máis de tres millóns. Na plataforma de E- Dixgal rexistráronse
incrementos de accesos diarios de entre o 90% e o 110% máis dos
habituais.
Para facilitar o acceso a todos os servizos e recursos
dixitais dispoñibles para toda a comunidade educativa, habilitouse un
espazo no portal educativo, onde se indica como acceder a eles e manuais
de uso, que se están a completar con videotitoriais.
Liñas de datos de alta capacidade
Ademais
da iniciativa de distribución de 1.000 portátiles con conexións a
internet gratuítas, destinados a familias con menos recursos, xa en
marcha na Comunidade, o Ministerio de Educación comunicou que remitirá
ás CCAA 20.000 liñas de datos de alta capacidade para estudantes de
Bacharelato e de FP Media e Superior, das que Galicia recibirá 928
unidades. Segundo indica o Ministerio, a distribución fíxose atendendo á
Enquisa de Condicións de Vida 2018 do Instituto Nacional de
Estatística. As tarxetas están dispoñibles grazas á colaboración do
operador Telefónica.
Deste xeito, o Ministerio atende á demanda
feita a pasada semana por Galicia na Conferencia Sectorial para
complementar a iniciativa xa posta en marcha por Galicia, poñendo á
disposición das CCAA recursos de conectividade, que faciliten a
actividade educativa non presencial, especialmente en territorios de
elevada dispersión poboacional. Á demanda sumáronse outras comunidades
como Asturias, Cantabria ou Castela e León.
Ningún comentario:
Publicar un comentario