O titular do Goberno galego mantivo hoxe unha nova videoconferencia co presidente do Goberno central e os outros presidentes autonómicos
Feijóo pide ao Goberno central un proceso de desescalada seguro, gradual e coñecido no tempo que protexa ás familias e aos traballadores e dea un horizonte aos sectores económicos
Subliña a decisión da Xunta de Galicia de anticiparse e apostar por unhas instrucións claras a toda a poboación no momento da reapertura, como o uso xeneralizado de mascarillas, para as que pide unha baixada do IVE
Lembra que Galicia xa está a traballar nun estudo epidemiolóxico cunha mostra de máis de 100.000 persoas e cuxos resultados remitiranse de forma inmediata ao Ministerio de Sanidade
No ámbito económico, afirma que “o maior esforzo debe facerse para garantir a liquidez das empresas a curto prazo” e avoga por que o aprazamento de impostos teña un maior alcance do definido actualmente
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na video conferencia que mantivo esta mañá co presidente do Goberno de España e os demáis presidentes das diferentes Comunidades Autónomas españolas
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe ao
Goberno de España un proceso de desescalada seguro, gradual e coñecido
no tempo que protexa ás familias e aos traballadores e que dea un
horizonte aos sectores económicos. “Temos que falar de desescalada con
rigor, con cautela, pero temos que buscar xa un horizonte para as
empresas e os sectores económicos, sabendo que sen seguridade sanitaria
non haberá ningún tipo de actividade económica”, aseverou, incidindo na
necesidade de contar cun calendario previsible, para que os cidadáns
saiban con tempo e con claridade como se fará, cando e con que orde.
Consciente
da complexidade, Feijóo apelou a tres principios: dotarnos dos
instrumentos necesarios para garantir que a volta á “nova normalidade”
sexa segura, desde o punto de vista sanitario; acordar un sistema de
volta ao traballo con certa inmediatez para, con previsión e
planificación, preparar aos cidadáns e ás empresas; e deseñar un sistema
de apertura e peche flexible e dinámico fronte posibles rebrotes.
Durante
a videoconferencia co Goberno central e os outros presidentes
autonómicos, Feijóo trasladou que Galicia está traballando para que todo
aquel que se reincorpore á súa actividade o faga do xeito máis seguro
posible. “Esta foi a prioridade absoluta desde o inicio”, aseverou,
recordando o esforzo para dotar de mascarillas ao persoal sanitario e de
residencias de maiores e de discapacitados, aos concellos e aos
traballadores que volveron ao traballo a semana pasada.
“E
igualmente, vai ser a nosa prioridade cando o desconfinamento se vaia
ampliando”, dixo, subliñando a decisión do Goberno galego de anticiparse
e apostar por unhas instrucións claras a toda a poboación no momento da
reapertura, que pasan, como criterio básico, polo distanciamento
social, pola hixiene de mans e por unha proposta de uso xeneralizado de
mascarillas. Sobre este último punto, solicitou a baixada do IVE nas
mascarillas: “O lóxico é que o IVE do 21% baixe ao IVE reducido, porque
vai ser un produto que imos empregar nos próximos meses con moita
intensidade”.
Test masivos e estudo epidemiolóxico que será compartido co Goberno central
Por
outra banda, Feijóo comunicou a situación actual de Galicia, onde o
plan de continxencia se rebaixou da fase 3 á fase 2 despois de que o
número de contaxios que se produciron na Comunidade durante o pico da
pandemia baixase un 75%. Sobre este punto, fixo fincapé na necesidade de
seguir facendo test masivos, resaltando que, ata o día de onte, Galicia
leva realizadas xa 63.715 probas en todas as áreas de saúde.
Así
mesmo, e co obxectivo de preparar o futuro co maior coñecemento, lembrou
que Galicia xa está a traballar nun estudo epidemiolóxico cunha mostra
de máis de 100.000 persoas e cuxos resultados remitiranse de forma
inmediata ao Ministerio de Sanidade. E insistiu na necesidade de coñecer
a metodoloxía do estudo que ten previsto facer o Goberno central en
toda España, para poder “casalo co das comunidades”. “Isto é clave para
poder ter unha visión da situación sanitaria e da posibilidade de
desescalada para volver á nova normalidade da actividade económica e
social”, abundou.
Feijóo tamén volveu chamar a atención sobre as
residencias. “Debemos coñecer os datos a nivel nacional, xa que mentres
non se publiquen por parte do Ministerio de Sanidade os de todas as
comunidades, non poderemos acertar nos protocolos de tratamento, nin
dimensionar o problema en cada unha das comunidades”, recalcou.
Medidas para garantir liquidez a traballadores e empresas
No
eido económico, Feijóo reiterou a necesidade de medidas para dar
liquidez a familias, traballadores e empresas. “O maior esforzo debe
facerse para garantir a liquidez das empresas a curto prazo”, afirmou,
ao tempo que avogou por que o aprazamento de impostos teña un maior
alcance do definido actualmente.
O presidente da Xunta informou de
que segue a haber problemas no cobro dos traballadores acollidos a un
ERTE. E propuxo tamén establecer un período transitorio, xa que moitas
empresas que solicitaron un ERTE por forza maior –sobre todo no sector
industrial– non poderán ofrecer traballo ao 100% do seu persoal cando se
lles permita reabrir. “Debemos pensar como pasamos dun ERTE por forza
maior a un por razóns económicas”, aseverou, co fin de que estes
traballadores poidan manter unha renda mentres non poidan ser
incorporados ao 100%.
Do mesmo xeito, fixo fincapé na importancia
de axilizar ao máximo os procedementos de devolución dos diferentes
impostos, así como o pago a provedores; diferir os prazos de
presentación das declaracións con resultado a ingresar; ou evitar
autoliquidacións positivas que deriven en devolucións futuras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario