19 de abr. de 2020

A GUARDA

O concello suspende todos os eventos ata o 12 de xullo 

• Entre eles atópanse as Alfombras Florais do Santísimo, e a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, dúas das celebracións que habitualmente achegan máis visitantes a vila guardesa. 

· Ademais estase traballando para que o concerto de Heredeiros da Crus, previsto para o 11 de xullo, se poida realizar a finais de verán. 

 Vista da alfombra floral da Praza do Reló, dunha edición precedente 
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal do Concello de A Guarda vén de lembrar que "o pasado 14 de marzo declarouse, polo Goberno Central, o Estado de Alarma pola emerxencia sanitaria provocada polo virus COVID-19, situación que está prorrogada ata o 26 de abril do 2020 e que se vai a ampliar ata o 10 maio". 

 Precisamente por esa causa, e "diante da incertidume que hai sobre a evolución da emerxencia sanitaria que estamos a vivir e dado que a programación e organización de eventos culturais, lúdicos, deportivos e de carácter turístico ten que facerse coa debida antelación", os responsables municipais mantiveron "contactos con todas as asociacións e persoas implicadas na organización destes eventos, así como cos portavoces dos grupos políticos con representación municipal". 

 "O obxecto destes contactos foi principalmente, trasladar por parte do alcalde, Antonio Lomba, a intención de aprazar ou suspender os eventos dos vindeiros meses no concello da Guarda. Todos os implicados manifestaron a súa conformidade en canto a esta decisión. Conscientes do esforzo e do tempo que leva organizalos, da imposibilidade de facelo nas actuais circunstancias, da incertidume sobre a obtención das autorizacións necesarias e as previsións da falta de participación, no caso de conseguir facelos". 

EVENTOS QUE NON SE CELEBRARÁN NESTE 2020

 Fontes do goberno municipal de A Guarda indican que "entre os principais eventos que non se celebrarán este 2020 no concello da Guarda atópanse dous que atraían un importante número de visitantes a vila: a festa das Alfombras Florais con motivo do día do Señor, prevista para o día 14 de xuño, e a festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, prevista para a primeira fin de semana de xullo". 

Vista parcial do interior da carpa na Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira de 2019


 Como é razonable, indican finalmente que "dependerá da evolución da emerxencia sanitaria e das directrices a seguir que marque o Goberno Central, para tomar decisións sobre a celebración de eventos que, sen supoñer aglomeración de persoas, poidan ser referentes de ocio, entretemento e cultura para a cidadanía. Sabemos que da diminución de contactos entre as persoas depende o control desta pandemia, e sabemos tamén que a desescalada producirase de forma progresiva. Todos e cada un de nós debemos colaborar para acabar coa pandemia o que permitirá recobrar a normalidade nas nosas vidas no menor tempo posible". 

 Isto parámolo se quedas na casa, gracias pola túa colaboración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario