21 de abr. de 2020

CULTURA

Creadoras e creadores vencellados ao Museo de Pontevedra explican como pasan os seus días de confinamento  

A institución pontevedresa pretende poñer en valor que o mundo da cultura segue activo durante a crise sanitaria achegándolle á cidadanía as súas actividades do día a día 

      Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 O mundo da cultura segue activo durante estes días de confinamento e, para amosalo, o Museo de Pontevedra comezou hoxe a dar a coñecer, a través do seu Facebook, unha serie de vídeos protagonizados por creadoras e creadores vencellados a institución pontevedresa nos que elas e eles mesmos contan as actividades do seu labor diario.  

 Con esta iniciativa preténdese que o Museo de Pontevedra siga creando contidos e sendo unha ventá na que artistas e diferentes persoeiros da cultura galega lle amosen o seu traballo e a súa creatividade á cidadanía. Neste caso, as e os protagonistas son persoas que nalgún momento foron o centro ou participaron en actividades do Museo e que, nun breve vídeo, falan da súa actividade nestes días de confinamento: como se organizan para pintar, tocar música ou crear en calquera disciplina.  

 Entre outros, explicarán o seu día a día o ilustrador Luis Davila; o grupo Migallas Teatro; o músico, escritor e locutor Xurxo Souto; a especialista en xestión cultural Rosario Sarmiento e o músico e director do Conservatorio de Vigo Alejo Amoedo.  

 É con este último, Alejo Amoedo, con quen se comezou hoxe a distribución dos vídeos no Facebook do Museo. Pianista e doutor cunha tese sobre a obra para piano de Reveriano Soutullo, Alejo é especialista en compositores galegos. No vídeo conta, sentado no seu piano, como variou as súas rutinas desde os primeiros días de incerteza do estado de alarma ata a normalización da situación: primeiro ordenou partituras, logo comezou a preparar concertos que sucesivamente se foron cancelando e pospoñendo e, finalmente, está a pensar en programas futuros ademais de repasar o seu repertorio. Entre unha anécdota e outra tamén fai referencia a cuestións persoais e agasalla o público coa interpretación dunha das primeiras muiñeiras escritas en Galicia no século XVIII.

Ningún comentario:

Publicar un comentario