16 de abr. de 2020

CULTURA

O Museo de Pontevedra propón a actividade "Orixinal ou copia?" para aprender sobre as obras de Castelao  

A proposta inclúese na iniciativa "O Museo en Familia", que propón alternativas lúdicas e de lecer relacionadas cos fondos e as exposicións da institución a persoas adultas e nenas
 

    Fonte: D.PO.

Infogauda / Pontevedra 

  O Museo de Pontevedra lanzou unha nova actividade dentro da iniciativa "O Museo en Familia" para realizar na casa durante o confinamento, nesta ocasión destinada a coñecer máis da obra de Castelao. Trátase de "Orixinal ou copia? Busca 10 diferenzas", na que se presentan catro pezas orixinais de Castelao e supostas falsificacións realizadas por un copista que cometeu dez erros.  

 A primeira obra coa que se traballa na actividade é a lámina número 12 do álbum Nós que leva a lenda "Non son pastores de Belén, son labregos que van pagar os foros", exposta na Sala Castelao do Museo. Nela faise referencia e crítica dun dos problemas do campesiñado galego da época, os foros da Idade Media, uns contratos que obrigaban a traballar as terras dos señores e a pagar por elas as rendas froito dese traballo.  

 A segunda peza é un ex libris de Antonio Iglesias Vilarelle (1922); unha marca de propiedade para pegar no interior da cuberta dun libro e indicar a quen pertence. Castelao debuxou varios ex libris para a súa biblioteca e as das súas amizades. Neste caso, como Iglesias Vilarelle é músico, inspirouse en dous músicos que coroan o arco central do Pórtico da Gloria e que están tocando un organistro, instrumento medieval que precisa ser tocado a catro mans.  

 A terceira obra é Vento mareiro (1921). Trátase dunha pequena peza de cor sobre papel, a pluma e tintas sobre fondo augado, habitual en Castelao para representar paisaxes galegas. Neste caso expón un mar embravecido polo vento que fai que os piñeiros se retorzan e o home que aparece teña dificultades para camiñar. O autor fixo tamén outra versión para a segunda edición do libro Vento mareiro do seu amigo Ramón Cabanillas.  

 Por último, a actividade "Orixinal ou copia" reproduce un debuxo de Cousas, A marquesiña, publicado en 1926. Representa unha fonte do pazo de Oca (A Estrada) á beira da que está unha muller.  

 A iniciativa "O Museo en Familia" lanzada polo Museo de Pontevedra durante a corentena da COVID-19 pretende animar a nenas e nenos a realizar actividades formativas e de lecer na casa. Estanse a colgar de forma continua na páxina web museo.depo.gal explicativos para realizar obradoiros e xa se propuxeron algúns sobre Leopoldo Nóvoa, a exposición "Debuxantas" e a faceta máis teatral de Castelao. Estas actividades acompáñanse doutras iniciativas destinadas ao público adulto coa difusión a través de redes sociais dos contidos do Museo. Hai que lembrar que o Facebook do Museo –que conta con máis de 12.000 persoas seguidoras e contido aberto– fai diariamente varias publicacións con información sobre as exposicións permanentes e temporais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario