A Asociación O Cancelón decide continuar adiante coa programación das Festas do Monte Santa Trega, 2020
COMUNICADO ORGANIZACIÓN DA FESTA DO MONTE 2020
Asociación O Cancelón / A Guarda
Estamos a vivir tempos excepcionais a causa do Covid 19. As autoridades públicas veñen de tomar medidas de confinamento para protexer a saúde dos cidadáns, e a día de hoxe descoñecemos as datas de finalización do estado de alarma e cales serán as condicións nas que imos poder voltar a saír as rúas. O máis importante é que todos cumpramos co que está na nosa man, e quedar na casa.
A pesar de toda esta triste situación que estamos a vivir, as dificultades cas que nos atopamos moitos, principalmente polas vítimas, polas persoas contaxiadas, por quen se expón todos os días no seu posto de traballo, pola incertidume, por saber cando imos poder abrir os nosos establecementos, polas facturas, os danos psicolóxicos, os económicos, o desemprego, os educativos,… tamén sabemos que toda esta situación volverá a normalidade, que serán moitas as persoas para quen nada voltará a ser o mesmo, porque de seguro moitas cousas cambiarán, pero o que non vai cambiar é o amor polo noso, polas nosas tradicións, as nosas costumes, a nosa solidariedade e as nosas festas. Se algo temos que mudar, o mudaremos, porque tamén sabemos evolucionar e adaptarnos os cambios e os tempos.
Como asociación responsable da organización dunha festa de Interese Turístico de Galicia como é a Festa do Monte, temos que pensar en todo, e levamos tempo seguindo os acontecementos para facer o mellor para todas e todos. A festa non se organiza en dous días, require de tempo e traballo para programar, contratar, xestionar autorizacións, seguros e organizar tantos días de actividade.
Antes do comezo desta pandemia, iniciáranse os traballos de impresión da carteleira e das rifas, que non chegaron a saír a venda, así como o deseño do libro de festas, ó que lle queda pendente bastante traballo por facer e que, en todo caso, é algo no que se pode seguir traballando sen problema.
Pero en definitiva e o motivo principal deste escrito é comunicar que a decisión que tomamos, sempre que as circunstancias o permitan, é continuar adiante ca programación das Festas do Monte 2020, pensando non unicamente na parte lúdica e de esparcemento, senón tamén no forte empuxe e fonte de ingresos para moitos sectores económicos da vila (comercio, praza de abastos, servizos, hoteis, hostalería,…) que supón a semana de festas, e máis despois deste tempo de confinamento e cese de actividades.
Tempo para a cancelación dos eventos teremos, pero non queremos pensar en chegar a Agosto sen ter nada feito se as circunstancias o permiten.
Por todo isto, empezaremos a chamar por teléfono ás publicidades de anos anteriores para quen desexe colaborar este ano. Agradeceríamos a quen non se atopan nos negocios e queren manter a súa colaboración e publicidade, nos chamen ou se poñan en contacto con nos a través do teléfono e correo electrónico que se facilita nesta nota informativa.
Comprometémonos, a que segundo chegue información das autoridades competentes en relación a organización de eventos, continuar informando.
Dende esta organización, desexamos que isto pase pronto para volver á normalidade no posible, que esforzo nos vai custar, pero que xuntos e con optimismo o conseguiremos.
Gracias pola súa comprensión e moito ánimo!!
A Guarda, 8 de Abril de 2020
Correo electrónico: librofestasdomonte@hotmail.com Teléfono de contacto: 687 897 350
(R.)

Ningún comentario:
Publicar un comentario