2 de mar. de 2020

TOMIÑO

O CRA tomiñés abre as súas portas   

· O día 3 de marzo organiza unha xornada de portas abertas en horario de mañá e tarde 

· O Colexio Rural Agrupado Mestre Manuel Garcés é un dos máis grandes de Galicia, con 13 aulas espalladas no rural   




Infogauda / Tomiño

 O CRA (Colexio Rural Agrupado) Mestre Manuel Garcés, de Tomiño, un dos máis grandes de Galicia, organiza unhas xornadas de portas abertas este martes, 3 de marzo, en horario de mañá e tarde (10.00 a 13.00h e 16.00 a 18.30h), co fin de dar a coñecer o centro e o seus métodos de traballo, e poñer en valor a escola rural como modelo educativo. Tamén é posible visitar o centro outro día, pero chamando para concertar cita (986 622 775).  

 A oferta educativa vai dirixida a nenos e nenas de 2º ciclo de educación infantil (3 a 6 anos) que poderán matricularse entre os días 1 e 20 de marzo.  

 Con máis de 130 nenos e nenas de entre 3 e 5 anos, repartidos en 13 aulas espalladas polo rural, o colexio vén de colgar nas súas redes sociais e en varias plataformas, un vídeo promocional, co lema “Máis que un cole”, no que se poden ver as instalacións, equipamentos e as actividades que se levan a cabo habitualmente (https://youtu.be/qgtom9n7e3g).  

 Creado hai dúas décadas, o CRA de Tomiño, é un dos máis grandes de Galicia, chegando a ter 17 escolas unitarias onde se impartía tanto educación infantil, coma primeiro ciclo de Primaria.  

 Na actualidade conta con 16 mestres de educación infantil, profesorado especialista de psicomotricidade, música, inglés, pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe. Dispón ademais dun departamento de orientación propio e con persoal coidador para atender aos nenos con necesidades especiais.   



 Para favorecer a autonomía dos pequenos, lévanse a cabo “traballos responsables”, coma abrir a porta, preparar e servir as merendas, atender o teléfono, coidar ás plantas, etc.  

 O alumnado dispón de equipamento e materiais informáticos de última xeración, velocidade de conexión a internet de alta velocidade, e do programa Abalar Móbil para facer chegar os avisos ás familias.  

 A relación coa comunidade educativa, con outros centros, e coa contorna en xeral, é outro dos pilares do proxecto educativo, polo que é habitual que se programen visitas aos comercios, mercado, Centro de Dia, etc.,  participando tamén en actividades transfronteirizas con Vila Nova da Cerveira (Portugal).

Ningún comentario:

Publicar un comentario