Unha mostra da Deputación no Salón do Libro de Pontevedra repasará a historia do cómic galego
A exposición "Unha ollada ao cómic galego" presenta unha panorámica da banda deseñada en Galicia, con referentes que van desde Castelao ata Isaac Díaz Pardo
Infogauda / Pontevedra
Castelao, Isaac Díaz Pardo, Reimundo Patiño, Xaquín Marín ou os fanzines dos efervescentes anos oitenta serán algúns dos protagonistas da mostra "Unha ollada ao cómic galego", que se atopará inserida dentro da programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Así, a Deputación de Pontevedra participa na vixésimo primeira edición da cita literaria, que terá lugar no Pazo da Cultura entre o 6 e o 27 de marzo e cuxa temática principal será "O Humor".
O horario habitual de visita ó salón será de luns a xoves, de 17 a 20 horas, os venres de 17 a 20.30 horas e os sábados, domingos e os días 19 e 20 de marzo, de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas. Ademais, o domingo 8 de marzo, ás 11.30 horas, terá lugar unha visita guiada pola exposición a través de Octavio Beares, comisario da mostra, con prazas limitadas.
A proposta do ente provincial presentará unha panorámica histórica da banda deseñada de Galicia partindo de referentes como Castelao e chegando a propostas actuais. Farase, por tanto, especial fincapé en referentes artísticos do século XX e XXI, incluíndo publicacións como as revistas de cómic para persoas adultas e os fanzines dos anos 80. Todo o material exposto servirá para poñer en valor a cultura e a creación artística galegas, así como para difundir a labor dos artistas que explotaron este xénero que conxuga a imaxe e a palabra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario