4 de mar. de 2020

MEDIO AMBIENTE

A terceira das rutas ornitolóxicas do programa "Voando nas Rías Baixas" chega este domingo ao esteiro do río Miño e a foz da Ramallosa  

As 25 prazas dispoñibles para esta excursión guiada esgotáronse en tan só 3 minutos

Vista parcial dos participantes nunha ruta ornitolóxica precedente, na zona da Ribeira (Salcidos), no termo municipal de A Guarda
Foto: D.PO.


Infogauda / A Guarda / Nigrán

 O esteiro do río Miño e a foz da Ramallosa acollerán este domingo a terceira das rutas ornitolóxicas de "Voando nas Rías Baixas", o programa da Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO-Birdlife, que a través de cinco excursións guiadas permite ao público coñecer de xeito gratuíto a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra. As 25 prazas ofertadas para esta ruta, nuns espazos protexidos pola Rede Natura 2000, esgotáronse en tan só 3 minutos.  

 A desembocadura do Miño e a foz da Ramallosa, escenarios nos que se desenvolverá a actividade, abranguen os concellos da Guarda, Nigrán e Baiona. Así, estes dous importantes enclaves situados no sur da provincia forman esteiros intermareais que contan cunha grande variedade de hábitats e acollen tanto aves acuáticas como aves mariñas, aves rapaces ou paxariños palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras.  

 Entre os exemplares que poderán ser avistados atópanse as limícolas coma mazaricos, biluricos, pilros ou avefrías, variedade de gaivotas, diferentes especies de parrulos, garzas, rálidos, mergullóns, ademais de aves mariñas coma os carráns cristados. Ademais, tamén se ven aves rapaces, entre as que destacan a tartaraña das xunqueiras, o lagarteiro cincento e a aguia pescadora, da que é posible observar a súa espectacular forma de pescar. Esta ruta, que contará con guías especialistas de SEO-Birdlife e con material óptico e didáctico, terá como punto de encontro o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, ás 9:00 horas, ou o aparcamento do Parque do Paseo da Ramallosa (Nigrán), ás 10:00 horas.  

 Tras esta terceira ruta, "Voando nas Rías Baixas" continuará cunha cuarta excursión o 31 de maio polas Brañas de Xestoso. O prazo de inscrición para o cuarto roteiro estará aberto dende o 18 ao 27 de maio. Posteriormente, o programa rematará cunha última ruta pola Serra do Suído.  

 "Voando nas Rías Baixas", que este ano chega a súa terceira edición, trátase dunha iniciativa impulsada xunto a SEO Birdlife e enmarcada no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para sensibilizar á poboación, internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Con este programa, a Deputación de Pontevedra aposta pola promoción do turismo ornitolóxico, un turismo sostible e respectuoso co medio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario