30 de mar. de 2020

PONTEVEDRA

O MUSEO DE PONTEVEDRA PROPÓN A NENAS E NENOS QUE PARTICIPEN COMO COMISARIOS DUNHA EXPOSICIÓN VIRTUAL CON DEBUXOS, XOGUETES E CONTOS DAS SÚAS PROPIAS CASAS  

· As crianzas deberán xuntar os obxectos elixidos nun espazo de 90x90cm, sacar unha fotografía e despois colgala no Facebook do Museo  

· O persoal técnico explicará dende mañáa través de varios vídeos como preparar e dispoñeros elementos nas ‘vitrinas virtuais’
  

Infogauda / Pontevedra

 O Museo de Pontevedra pon sobre a mesa unha nova proposta: que as crianzas se animen a facer de comisarios dunha exposición virtual dende as súas propias casas durante o confinamento. Baixo o título ‘Xogamos, lemos e debuxamos na casa’, a intención é que as pequenas e pequenos coñezan o funcionamento interno dos museos, escollan obxectos (debuxos, contos ou xoguetes) dos seus domicilios e lles tiren unha foto para que despois un adulto a colgue no Facebook do Museo.  

 A xente máis pequena da casa –sempre coa axuda e supervisión de titores, pais ou irmáns maiores, e todos e todas aquelas con ganas e bo humor para participar- terá cadanseu espazo dentro da exposición virtual do Museo a través dunha vitrina imaxinaria. Esta disporase na casa empregando calquera espazo de 90 x 90 cm e nela poderanse expoñer xoguetes, libros de contos e debuxos ao criterio do ou da comisaria.   

 Para acompañar no proceso dende o Museo e ao longo  desta semana, entre o martes e o venres, tres técnicas do museo guiarán a andaina a través de catro vídeos, un por día, nos que explicarán cal é a proposta e como participar, como preparar o que se vaia expoñer para que estea nas mellores condicións, como publicitar a exposición e, por último, recomendacións e consellos sobre como dispoñer as pezas elixidas.  

 Unha vez finalizada a emisión dos vídeos, a partir do venres pola tarde ata o sábado ás 18 horas, as persoas participantes poderán subir as fotografías  da súa vitrina e da súa publicidade ao Facebook dun adulto co cancelo #eusonomuseodepontevedra. Entón será cando o director do Museo de Pontevedra procederá a inaugurar a exposición, tamén a través dun vídeo feito para a ocasión.  

 Dado que a exposición será virtual, unha vez feitas e subidas as fotos ás redes, xa se poderán recoller os xoguetes, contos e debuxos da vitrina virtual.  A exposición, ao contrario que as que habitualmente se fan no Museo, non terá data de remate polo que, se pola razón que sexa, esas vitrinas non están rematadas a tempo para a data de inauguración, aínda se poderán subir as fotografías posteriormente.  

 Esta actividade plantéxase para realizar en familia. É unha responsabilidade compartida entre titores, pais ou irmáns maiores e os nenos e nenas xa que implica o acceso á rede social de Facebook, que deberá ser manexada polos adultos que teñen que subir as fotos. En calquera caso, dende o Museo empregarase un único cancelo diferente ao que habitualmente se emprega (#eusonomuseodepontevedra) para que todos estes contidos estean aparte.  

 Hai que lembrar que, de forma paralela, o Museo segue tamén coas actividades do ‘Museo en familia’ que se poden consultar e descargar na páxina web, e con visitas virtuais con fotos en 360º das salas de exposicións permanentes e temporais do Sexto Edificio a través de Facebook.

Ningún comentario:

Publicar un comentario