Mañá abre o prazo para que as familias soliciten as axudas de comedor escolar mentres estean suspendidas as clases presenciais
Poderán acollerse a estas axudas as familias que durante o curso teñen o comedor de balde ou pagan 1 €/día por menú nos comedores escolares xestionados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional
Foto: X.G.
Tal e como se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, o prazo para solicitar as axudas estará aberto ata o día 6 de abril
As solicitudes deberán tramitarse de xeito telemático na sede electrónica da Xunta de Galicia, e no caso de que as familias non dispoñan de acceso electrónico, poderán solicitar a colaboración do seu centro educativo
A Consellería de Educación destina un total de 3 millóns de euros para asumir a compensación do custe diario por comensal ás familias
Infogauda / Galicia
A partir de mañá e ata o vindeiro día 6
de abril, permanecerá aberto o prazo para solicitar as axudas de
carácter directo dirixidas ás familias do alumnado beneficiario de
bolsas de comedor escolar cuxo servizo xestiona a Consellería de
Educación, Universidade e Formación Profesional, mentres estean
suspendidas as clases presenciais.
Deste xeito, a Consellería de
Educación aboará os menús escolares de todos os días lectivos mentres
estean suspendidas as clases presenciais a aquelas familias que durante o
curso son beneficiarias dunha bolsa de comedor gratuíta (que non pagan
nada polo servizo) ou semigratuíta que pagan 1 euro/día, naqueles
centros públicos cuxo servizo de comedor está xestionado pola
Consellería.
Presentación de solicitudes
Tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, a solicitude formal deberá presentarse de xeito obrigatorio a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Naqueles casos nos que as familias non dispoñan de acceso electrónico,
poderán solicitar a colaboración dos equipos directivos dos centros de
ensino onde estean escolarizados os seus fillos.
Cada familia
presentará unha única solicitude na que incluirá a totalidade dos fillos
e fillas (cada un deles debidamente identificado) que sexan comensais
gratuítos e semigratuítos de 1 € no comedor escolar xestionado pola
Consellería nun centro de ensino público; así como a información da
conta bancaria onde realizar o ingreso da compensación.
Segundo os
datos da Consellería, a xaneiro do presente curso, o número de
beneficiados por esta medida son preto de 45.000 alumnos, a razón de
40.480 usuarios con comedor gratuíto e 3.813 semigratuíto que pagan 1
euro. Así, no caso dos usuarios de comedor gratuítos a Consellería
aboaralles 2,5 euros/día, e no caso dos usuarios semigratuítos recibirán
1,5 euros/día durante os 14 días lectivos computados durante a vixencia
da declaración da situación de Emerxencia Sanitaria.
Para tal fin
a Consellería de Educación vén de habilitar un crédito de 3 millóns de
euros, que é o estipulado para atender os 14 días lectivos que van entre
o comezo da suspensión da actividade lectiva presencial e dos servizos
educativos complementarios o pasado 16 de marzo ata o día 12 de abril;
así como unha previsión no caso dunha eventual segunda prórroga da
situación de alarma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario