Suspendidas as taxas e impostos municipais ata o fin do estado de alarma
· A ORAL é o órgano encargado da recadación da práctica totalidade de tributos do Rosal
· Esta medida afectará a IBI, lixo, auga, sumidoiros, vehículos, IAE ou plusvalías, entre outros
Infogauda / O Rosal
O Grupo Municipal de Goberno do Concello do Rosal, que preside á alcaldesa Ánxela Fernández Callís, vén de facer público que “tendo en conta o grande impacto económico negativo en todos os sectores por mor do COVID-19, que afecta a un gran número de veciños e veciñas, quedan suspendidos no Rosal todas as taxas e impostos recadados a través da ORAL, o órgano da Deputación de Pontevedra encargado de colaborar na xestión e recadación da práctica totalidade dos tributos e ingresos de dereito público delegados do municipio. Esta medida afecta ao pago de tributos como, por exemplo, o IBI, o lixo, a auga, os sumidoiros, vehículos, plusvalías, IAE,...
A ORAL, dependente da Deputación de Pontevedra, decidiu suspender o cobro de tributos co obxectivo de minimizar o impacto fiscal e de facilitar a recuperación da normalidade a medida que a crise sanitaria se minore. Por este motivo, a suspensión estará vixente durante todo o tempo que dure o estado de alarma.
O novo calendario fiscal definitivo do ano 2020 publicarase 10 días despois de que remate o estado de alarma”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario