A CIG non asinará o ERTE de Citroën porque non inclúe medidas que compensen a baixada salarial
A central sindical denuncia que os traballadores/as perderán un 20% de poder adquisitivo mentres dure a medida
A CIG non asinará o ERTE presentado por PSA Citroën na súa fábrica de Vigo
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
A CIG anunciou hoxe que non asinará o ERTE presentado por PSA Citroën na súa fábrica de Vigo tras a paralización da actividade como consecuencia da crise sanitaria provocada polo novo coronavirus. Dende a sección sindical da central no grupo do sector do automóbil denuncian que a regulación temporal de emprego non vén acompañada de medidas que permitan compensar a perda salarial, que será do 20%.
O ERTE que lle pretende aplicar Citroën aos seus 7453 traballadores/as vigueses/as contempla o abono do 80% dos soldos e das pagas extras, mentres que no caso das vacacións serán do 100%. Isto suporá unha importante perda de poder adquisitivo por parte do cadro de persoal, a pesar dos millonarios beneficios obtidos polo grupo no último exercicio.
Diante disto, dende a CIG-Citroën critican a “falta de responsabilidade social” da dirección nun momento en que “todos/as estamos a loitar contra unha pandemia que paralizou todo o Estado español”. Sinalan que practicamente a diario se coñecen casos de empresas e sectores que ou ben aportan medios ou ben aplican medidas de acompañamento que permiten paliar a perda salarial do seu persoal “semella que as persoas que se atopan á fronte de PSA só entenden a solidariedade nunha dirección, a de cumprir os seus obxectivos co menor custe económico posíbel”.
Neste senso, sinalan que outros fabricantes de automóbiles que teñen plantas no Estado están a aplicar de media unha compensación salarial do 85-90%, sendo do 100% no caso das pagas extras, “o que impide que a clase traballadora sexa penalizada aínda máis por esta situación”. Finalmente, lamentan que “a dirección de PSA non teña máis en consideración aos seus empregados/as, xa que semella que non poden facer un esforzo por eles/as cando, pola contra, sempre se nos esixen sacrificios tanto cando a empresa vai mal como cando obtén resultados históricos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario