O titular da Xunta de Galicia mantivo esta mañá unha videoconferencia co Executivo central e cos outros presidentes autonómicos
Feijóo traslada a preocupación ante a falta de material comprometido polo Goberno de España e afirma que a Xunta seguirá traballando a través do Sergas para dotar á comunidade do material sanitario que precisa
Precisa que o Sergas tiña encargados 8 millóns de mascarillas; “e tamén adquirimos 113 ventiladores para as UCI, 79 volumétricos e 34 non invasivos”
Ante a falta de resposta do Goberno, avanza que a Xunta encargou aos profesionais sanitarios e aos servizos centrais do Sergas os datos da curva epidemiolóxica, que permitan coñecer a semana ou as semanas de maior incidencia de contaxio, ocupación de UCI e ocupación hospitalaria
Informa que cada xerencia sanitaria tutelará as residencias de maiores e de atención á discapacidade da súa área territorial
Alberto Núñez Feijóo transmitiu ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, as principais preocupacións de Galicia
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
O titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe a
preocupación ante a falta de material comprometida polo Goberno de
España e afirmou que a Xunta seguirá traballando a través do Servizo
Galego de Saúde para dotar á Comunidade do material sanitario que
precisa.
Durante a reunión por videoconferencia co Executivo
central e cos outros presidentes autonómicos, Feijóo transmitiu ao
presidente do Goberno, Pedro Sánchez, as principais preocupacións de
Galicia, compartidas pola maioría das comunidades, e que seguen aínda
sen unha resposta axeitada, entre as que destacou: a necesidade de
material sanitario para protexer aos profesionais, para garantir a
asistencia sanitaria aos pacientes e para facer os test de
recoñecemento; o coñecemento da curva epidemiolóxica, de cara á
avaliación da necesidade de camas de UCI e de hospitalización; e a
atención das necesidades das residencias de maiores e das residencias de
discapacidade.
Sobre o primeiro punto, o titular da Xunta
recordou que Galicia leva máis dunha semana advertindo de que o material
sanitario que o Goberno central se comprometeu a servir non está a
chegar. “No caso de Galicia, apenas chegou nada desde que se decretou o
estado de alarma. E temos necesidades imperiosas de máis material
sanitario de todo tipo: de protección, test, respiradores, material de
UCI e material de hospitalización”, precisou, subliñando que a
Comunidade se adiantou na medida das súas posibilidades, garantindo un
71% máis de camas de UCI; e estendendo o test desde o coche a todas as
áreas sanitarias. “E temos o compromiso de incorporar de forma inmediata
a 189 profesionais, entre médicos internos, que están finalizando xa a
súa formación, e persoal de enfermaría de formación comunitaria”,
confirmou.
Diante desta situación, Feijóo informou da decisión por
parte da Comunidade de proseguir cos pedidos do Sergas feitos con
anterioridade ao estado de alarma, precisando que, nese momento, o
Sergas tiña encargados 8 millóns de mascarillas. “E tamén adquirimos 113
ventiladores para as UCI, 79 volumétricos e 34 non invasivos”,
aseverou.
Por outra banda, e logo de que a Xunta solicitase ao
Goberno central os datos da curva epidemiolóxica, Feijóo informou de
que, ante a falta de resposta, a Administración autonómica encargou aos
profesionais sanitarios e aos servizos centrais do Sergas estes datos,
que permitan coñecer a semana ou as semanas de maior incidencia de
contaxio, ocupación de UCI e ocupación hospitalaria.
Atención das necesidades das residencias de maiores e de atención á discapacidade
Ao longo da reunión, o presidente galego referiuse tamén á situación das residencias de maiores e das residencias de atención á discapacidade, nas que tamén falta o material comprometido polo Goberno de España.
Se
ben en Galicia os profesionais destes centros teñen protocolos de
actuación desde o venres 13, que se foron ampliando, Feijóo informou na
xuntanza da decisión de que cada xerencia sanitaria tutelará as
residencias de maiores e de atención á discapacidade da súa área
territorial. “As autoridades sanitarias estarán atentas aos brotes de
infección que se produzan nas residencias e tutelarán as instrucións que
han de dar, a través dos médicos de atención primaria ou a través dos
especialistas en medicina preventiva”, avanzou, recordando que en
Galicia son máis de 20.000 os maiores que viven nestes centros.
Nesta
liña, o presidente da Xunta expuxo a necesidade de que se elabore un
protocolo de coordinación válido para todo o Estado entre as autoridades
sanitarias e as autoridades sociais.
Feijóo aproveitou a xuntanza
para, neste eido, trasladar o desacordo da Comunidade co financiamento,
despois de que a contía anunciada para Galicia se reducira 8 millóns de
euros, pasando de 25 a 17.
Por último, e no tocante ao paquete de
medidas económicas aprobadas polo Goberno o pasado martes, o titular do
Executivo autonómico sinalou que a Xunta trasladará a súa valoración
por escrito, dado que non era o principal obxectivo de hoxe. Non
obstante, subliñou a necesidade de “coñecer a letra pequena” do
desenvolvemento das mesmas e lembrou que Galicia xa adaptou fórmulas
para axudar aos autónomos e ás pemes, por un valor de 270 millóns de
euros, “e que continuaremos avanzando e anticipando desde mañá luns”,
adiantou.
Así, a modo de exemplo, salientou que todas aquelas
empresas que teñan préstamos formalizados coa Xunta de Galicia verán
aprazados os seus compromisos para a devolución das cotas de
amortización e xuros correspondentes aos primeiros seis meses deste ano.
"É dicir, quedarán exentas durante o primeiro semestre", concretou.
En
canto os plantexamentos ao Goberno central, Feijóo trasladoulle a
necesidade de manter a actividade industrial, especialmente naqueles
sectores fundamentais para a cidadanía -cadea alimentaria, enerxía,
auga, etc-. Así como a solicitude de que os fondos presupostados
anualmente con carácter finalista, destinados á posta en marcha de
políticas activas de emprego por parte da comunidade, poidan ser obxecto
de liberación en canto ao destino dos mesmos, co fin de que cada
comunidade poida dispoñer deles e destinalos a medidas de carácter
sanitario, económico e social.
Feijóo concluíu a súa intervención
cun recordo para os que perderon a un familiar ou un amigo, e
trasladando o recoñecemento a todos os que teñen que ir aos seus
traballos para soster esta situación e aos que están nas súas casas
cumprindo estritamente as indicacións das autoridades. “Todos estamos
dando o 100% da nosa capacidade”, dixo.
Despois desta
videoconferencia, na que o presidente do Goberno de España comunicou a
decisión de ampliar o estado de alarma 15 días máis, Feijóo manterá esta
tarde unha reunión cos representantes dos principais partidos políticos
galegos, para informarlles con detalle do contido da xuntanza con Pedro
Sánchez.
Galicia só ten recibido do Ministerio a día de hoxe 27.010 máscaras
Galicia só ten recibido do Ministerio a día de hoxe 27.010 máscaras
A día de hoxe, o Sergas tan só recibiu
27.010 máscaras enviadas polo Ministerio de Sanidade para afrontar a
crise do coronavirus na nosa Comunidade Autónoma. O primeiro lote de
15.250 recibiuse o pasado venres día 13, e o segundo de 11. 760 unha
semana despois.
Trátase de 25.250 máscaras cirúrxicas e 1.760 máscaras FFP2.
A
Xunta confía en que o volume de máscaras que o Ministerio asegura ter
enviado a Galicia poida facerse realidade a maior brevidade posible na
comunidade galega para continuar afrontando conxuntamente esta crise
sanitaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario