A Xunta de Galicia propón unha programación de lecer cultural para toda a familia no eido dixital coa campaña #aculturasegue
Os museos, centros de interpretación, bibliotecas ou arquivos xestionados polo Goberno galego potencian os seus recursos e materiais en liña
Máis de 4.500 títulos de libros, revistas ou películas ofrécense en formato electrónico e de maneira gratuíta a través da plataforma GaliciaLe
Conxuntos monumentais como catedrais e mosteiros abren as súas portas en visitas e percorridos 360º a través da oferta de Turismo de Galicia
Dotacións como a Cidade da Cultura, o CGAC ou o CGAI divulgan contidos tanto de actualidade como dos seus fondos con gran interese histórico
O
Portal da Lingua Galega conta con abondosos recursos didácticos para a
cativada con xogos, materiais para imprimir e propostas interactivas
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia, a través de todos os
seus departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e
Turismo, propón para o período que dure o estado de alarma por mor do
coronavirus unha programación con abondosas actividades de lecer
cultural a través de Internet. Propostas pensadas para toda a familia
que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue en todas as redes
sociais das súas dotacións. Trátase dunha etiqueta á que a Xunta convida
a sumarse ás institucións culturais, aos nosos creadores e a toda á
cidadanía para compartir a nosa cultura.
A iniciativa pretende
recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais
tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece
opcións de ocio dixital de calidade e plural no ámbito do fogar, que
propicien a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas
culturais. Ademais, prestarase atención individual ás próximas datas
conmemorativas, comezando polo Día Mundial da Poesía, que se celebra
hoxe mesmo, continuando polo Día do Teatro (27 de marzo) e seguindo polo
Día das Artes Galegas (1 de abril) e o Día Internacional do Libro
Infantil e Xuvenil (2 de abril).
Máis de 4.500 títulos dispoñibles
As
bibliotecas xestionadas pola Xunta desempeñan un papel de provedoras de
servizos á sociedade en xeral, e coas limitacións obrigadas, continuará
a facelo. Para isto está, entre outros servizos, GaliciaLe,
a plataforma de préstamo de libros, revistas, películas e audiolibros
en formato electrónico da bibliotecas públicas galegas. A través desta
pódense descargar e visionar obras en formato dixital de temáticas
diversas nas que os intereses de todas as persoas lectoras teñen o seu
espazo e o seu lugar.
En concreto, en GaliciaLe hai máis de 4.500
títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os
hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros
infantís, xuvenís e para adultos. Ademais conta cun total de 31 revistas
e 300 audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes,
curtas ou documentais. Para facilitar o acceso a esta plataforma só será
necesario rexistrarse na mesma e non será preciso ter o carné de lector
dalgunha biblioteca pública galega.
Un viaxe polo tempo, a arte e a historia
Os
arquivos xestionados pola Xunta (Arquivo de Galicia; e históricos, do
Reino de Galicia, Lugo, Ourense e Pontevedra) propoñen una viaxe polo
tempo dentro da nosa Comunidade. Entre os diferentes recursos poden
destacarse as exposicións virtuais en 3D e percorridos 360º ou as mostras do Arquivo do Reino, a última das cales foi publicado o pasado 8 de marzo, co gallo do Día internacional da Muller, e que leva por título Meigas, feitizos das menciñeiras: procesos xudiciais por bruxería.
Aínda
que os museos xestionados pola Xunta non están abertos, podemos
explorar as súas coleccións e as actividades que se realizan neles ao
través do mundo dixital. Na maioría deles pódese facer un percorrido
completo polas súas salas expositivas e contemplar as obras expostas
como se se estivera no interior, con información complementaria.
Tres
boas opcións de visitas virtuais para comezar, por ser centros estar
afastados das cidades e a súa interesante proposta museográfica, son o Museo do Castro de Viladonga e ao propio Castro, o Massó e as Pallozas e conxunto etnográfico do Cebreiro. Ademais, pode facerse unha visita virtual polos espazos de todos os museos xestionados pola Xunta.
Estrea da Bibliografía Xacobea
Neste sentido, e como novidade para todas as persoas curiosas polo Camiño e a cultura da peregrinación, lánzase a Bibliografía Xacobea,
que recompila os traballos realizados por historiadores, filólogos,
antropólogos, xeógrafos, arqueólogos etc., de moitos países do mundo.
Este traballo académico e investigador ofrécelle ao usuario desta web
monografías, teses de doutoramento, catálogos de exposicións e actas de
congresos xacobeos. Como exemplo, ponse ao dispor do público interesado
as actas dos congresos celebrados desde o ano 1993 polo Comité
Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.
Visitar o noso patrimonio sobranceiro e coñecer a maxia dos nosos mosteiros e catedrais a
través dunhas visitas virtuais 360º é tamén unha boa opción de lecer
coa que desfrutar coñecendo un pouco mellor o noso legado. Un patrimonio
cultural e natural que pode ser explorado tamén a través da canle de
YouTube de Turismo de Galicia.
E aínda que as Rutas Xacobeas non se poidan percorrer neste momento é
posible recordar o gran valor cultural e os tesouros que gardan no seu
seo desde as nosas casas con recursos como os presentes no web do Camiño de Santiago.
Pasado e futuro do audiovisual
Este
é un momento propicio para coñecer o pasado e o futuro do audiovisual
galego e visionar documentos que nos revelan aspectos pouco coñecidos de
Galicia e a súa cultura, pero de gran interese. Son materiais
audiovisuais históricos que foron recuperados polo CGAI como as imaxes
de Castelao en Bos Aires de Eligio González (1972), o filme Un viaxe por Galicia de Manuel Aríns (1958) ou as vistas de Vigo e arredores gravadas por un afeccionado danés en 1926, entre outros.
E, do pasado, trasladámonos ao futuro do audiovisual visionando os traballos de Cinema en curso,
un programa destinado a alumnos de entre 6 e 18 anos de pedagoxía do
cine, que busca achegar a mocidade ao cine como arte, creación e
cultura, e explorar as potencias didácticas da creación cinematográfica.
Medrar en galego
Para
o espallamento, uso e perfeccionamento da lingua galega a Xunta conta
con abondosos recursos no Portal da Lingua Galega. Entre estes, paga a
pena chamar a atención daqueles dedicados aos máis novos da casa, como
os audiovisuais infantís As miñas primeiras Letras Galegas ou Os Axóuxeres, entre outros; recursos musicais que achegan importantes ensinanzas sociais e comunitarias, como Nun mar azul ou No colo da fala, cancións de berce interpretadas por Xabier Díaz, e propostas de diferentes xogos para facer coa xente miúda, dende adiviñas e xogos de iniciación até materiais para imprimir e recursos interactivos
Así
mesmo, hai abondosos audiovisuais e recursos dispoñibles no portal que
se poden empregar para un mellor coñecemento e uso da lingua galega,
como o Ben Falado, e canles como Galeguizar Galicia, onde podemos atopar
múltiples historias interesantes e divulgadores da nosa lingua e
cultura.
‘Galicia, un relato no mundo’
A Cidade da Cultura ofrece a posibilidade de coñecer dixitalmente e de xeito virtual a mostra Galicia un relato no mundo.
Como novidade, ofreceranse oito novos clips de guías nos que se
explicarán pezas da exposición e historias relacionadas coa mesma,
afastadas das pezas estrela máis coñecido. En concreto, as pezas
audiovisuais estarán dedicadas ao Mapa de Sawley, a II Guerra Mundial en
Galicia, a emigración galega a América: o Cap Norte, as conexións con
Europa da Galicia da Idade do Bronce, o nacemento da bandeira galega, os
indianos, as gravacións musicais da emigración e o aporte económico e
cultural da emigración.
Ademais, a Cidade da Cultura pon ao dispor de todo o mundo outros materiais audiovisuais de gran interese na súa canle de YouTube, así como a través das súas distintas redes sociais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario