20 de mar. de 2020

CULTURA

Aprender e divertirse, máis importante ca nunca  

Os Bolechas animan a quedar na casa gozando de propostas didácticas e de ocio    

• A familia Bolechas anima a cativada, a través de vídeos, a quedar na casa e aproveitar este tempo para aprender, divertirse, axudar e gozar da familia  

• Xogos e actividades na web, curso de inglés-galego e capítulos dos Bolechas son algunhas das propostas dispoñibles xa ás que se van sumando moitas máis cada día a través das redes sociais 

• O material didáctico sobre saúde e valores cívicos permite traballar coa cativada moitas das cuestións que nos afectan actualmente
 




Teresa Rocamonde / Santiago de Compostela

 Quedan por diante moitos días na casa e resulta imprescindible buscar momentos de ocio e de diversión pero tamén de aprendizaxe e repaso. É importante fixar uns hábitos especialmente de cara ás nenas nenas e nenos máis pequenos. Os Bolechas, a través da web e das diferentes canles dixitais, ofrecen alternativas didácticas e de ocio que farán máis levadeiro este tempo na compaña duns personaxes moi queridos para a rapazada galega.  

 Na web dos Bolechas (osbolechas.gal) hai dispoñibles en aberto varios xogos, desde sopas de letras e quebracabezas a debuxos para colorear, xogos de preguntas e respostas etc. Tamén na páxina web hai un apartado de descargas con materiais especialmente deseñados para promover a motricidade e a creatividade. Entre as propostas hai dúas pensadas para o día do pai, de forma que as nenas e nenos poidan continuar a súa actividade do xeito máis normalizado posible ao tempo que se divirten e aprenden.  

 Con este mesmo obxectivo na área didáctica da web hai dispoñible material para traballar diversas temáticas, tanto referentes a cultura e lingua como a hábitos saudables ou cidadanía, temas que cobran un especial interese neste momento no que a saúde, a solidariedade e a conciencia cívica e cidadá adquiren unha gran relevancia.  

 Outro material interesante é o curso de inglés-galego. Na páxina web osbolechas.gal/one2three, están dispoñibles tamén xogos e actividades, así como os capítulos da serie, perfectos para repasar pasándoo en grande cos Bolechas.  

Audiovisuais e libros en liña e novo material en redes 

 Ademais dos capítulos da serie One2Three, na canle de TV da web dos Bolechas hai  dispoñible moito material audiovisual, desde concertos ata capítulos da serie dos Bolechas e de Brauliotuber, o programa de Braulio nos colexios galegos, que tamén poden verse na canle de Youtube dos Bolechas, na web da Televisión de Galicia e mesmo na app do Xabarín. E, por suposto, cada día a canle pública autonómica continúa emitindo as aventuras da popular familia na programación infantil da súa segunda canle.  

 Un material ao que se suman moitos dos libros e guías dos Bolechas dispoñibles online e novas propostas nas que se está a traballar e que se van publicando cada día tanto na web como nas redes sociais dos Bolechas (Facebook e Twitter), co fin de colaborar a facer o máis levadeira posible esta difícil situación que estamos a vivir e normalizar no posible a vida diaria da cativada da man dos seus personaxes favoritos. 

 Todo cunha mensaxe moi clara que se encarga de transmitir estes días, en nome de toda a familia, un dos personaxe máis queridos, Braulio Bolechas: #EuQuedoNaCasa.  

*Podedes descargar os vídeos para emitir libremente na ligazón:

Ningún comentario:

Publicar un comentario