A NOVA IDENTIDADE GRÁFICA DO MUSEO DE PONTEVEDRA, UN TRABALLO “DE ALTURA E APETECIBLE” NO MUNDO DA CREACIÓN
A Deputación de Pontevedra está a recibir múltiples consultas sobre o proceso de selección e xa se rexistraron as primeiras candidaturas, chegadas incluso do estranxeiro
O prazo de presentación finaliza o vindeiro xoves 5 de marzo
Infogauda / Pontevedra
Mostra de diferentes imaxes corporativas do Museo de Pontevedra
Fonte: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
O proceso para seleccionar a nova identidade gráfica do Museo de Pontevedra vén de espertar un grande interese internacional no mundo da creación: a dirección do Museo está a despachar nestes días múltiples consultas tanto presenciais, telefónicas como por correo electrónico sobre a proposta requirida, o procedemento, e forma de presentación. A día de hoxe xa están rexistrados os portfolios das primeiras persoas xurídicas e físicas aspirantes e, como é habitual, prevese unha choiva de candidaturas nos últimos días (o prazo de presentación o vindeiro xoves 5 de marzo).
Tanto o vicepresidente César Mosquera como o director do Museo, Xosé Manuel Rey, amosaron a súa satisfacción polo grande movemento e expectación creada por este traballo que, subliñaron, vén de confirmarse como “de altura” e “moi apetecible”. A Deputación, hai que lembrar, realizou o anuncio do proceso de selección a través da súa páxina web, das redes sociais, e enviouno directamente a asociacións, universidades e centros de estudos relacionadas coa creación, o deseño gráfico, marketing e publicidade para convidalas a participar e presentar as súas candidaturas por Rexistro oficial.
A resposta está a ser do máis positiva, xa que ata o de agora houbo mostras de interese de estudos de deseño de todo o país, do resto do estado e incluso de axencias con sede en Londres ou Holanda que contan no seu ‘staff’ con persoal relacionado coa provincia, coñecedores do Museo de Pontevedra e da súa trascendencia.
Unha vez que o vindeiro 5 de marzo peche o prazo de presentación dos portfolios das candidaturas, convocarase ao Consello Asesor do Museo, que se encargará de revisar todos os traballos previos das e dos aspirantes -relacionados coa creación de identidades visuais corporativas de outras institucións-para elixir as catro mellores opcións. Estas serán convidadas para desenvolver cadansúa proposta específica para o Museo e, finalmente, decidir a adxudicataria.
Hai que lembrar que entre as consideracións a ter en conta para a creación da identidade visual destácase a vontade de reposicionar o Museo de Pontevedra como museo de referencia de Galiza; a necesidade de adaptar a imaxe aos códigos gráficos actuais para reflexar tamén o proceso de paulatina renovación do Museo como organización; a idoneidade de manter a historia e a persoalidade propias da institución coa súa singularidade, liderado e excelencia; e a aposta por un deseño simple, atemporal, sobrio e elegante para que perdure no tempo afastándose de tendencias, aplicable a todos os soportes, e ‘facilitador’ para transmitir con claridade a beleza das coleccións.
As bases do contrato para realizar o deseño da nova identidade visual do Museo pode consultarse na web depo.gal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario