ALFONSO RUEDA VALENZUELA E ROBERTO JOSÉ ÁLVAREZ CARRERO VISITARON INSTITUCIONALMENTE O CLUB FEMININO DE BALONMÁN MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS
Foto de familia de Alfonso Rueda Valenzuela, Marta Fernández-Tapias Núñez e Roberto José Álvarez Carrero, cos equipos, técnicos e directivos do club de balonmán Mecalia Atlético Guardés
Infogauda / A Guarda
Alfonso Rueda Valenzuela, vicepresidente da Xunta de Galicia, acompañado de Marta Fernández-Tapias Núñez, directora xeral de Administracións Públicas, e Roberto José Álvarez Carrero, presidente local dos populares da Guarda, acudiron na tardiña de onte venres 28 de febreiro, convidados institucionalmente pola Xunta Directiva do Club de balonmán feminino Mecalia Atlético Guardés, ao adestramento do primeiro equipo, mantendo encontros con diversos sectores do club.
A visita comezou sobre as 20:00 horas cun saúdo xeral por parte de Alfonso Rueda e Roberto José Álvarez Carrero ás xogadoras das diversas categorías do club, corpo técnico, asistentes e xunta directiva para, a continuación, e da man do presidente do club, José Manuel Silva Vicente, manter un encontro coas xogadoras do primeiro equipo que milita na División de Honra Feminina do balonmán español-Liga Guerreiras.
José Manuel Silva realizou unha presentación detallada da problemática do club, os retos das xogadoras e as ilusións da afección guardesa. Acto seguido analizouse a situación do club e as demandas da institución ás administracións autonómica, provincial e local.
Roberto José Álvarez Carrero apuntou como o equipo é, entre outros, o embaixador por excelencia da Guarda, de Pontevedra e de Galicia en España e no mundo.
O presidente do club, José Manuel Silva, sinalou os esforzos necesarios para manter un equipo de elite nun pobo de 10.000 persoas solicitando máis apoio e axuda institucional.
Alfonso Rueda, ademais de encomiar os éxitos do club, destacou o papel importantísimo que o balonmán feminino representa para a integración: “O deporte feminino é unha plataforma perfecta para a igualdade”. Así mesmo quixo ter un recordo para o resto do deporte guardés onde equipos e persoas individuais son envexadas pola súa traxectoria: “Quero facer unha mención especial a todos os deportistas e equipos guardeses que son pioneiros e constitúen unha elite en Galicia. Entre moitos, véñenme agora á mente equipos como a Unión Guardesa, deporte feminino tamén como o Mecalia, o Sporting Guardés, A Guarda Hokey Liña, etc. ou deportistas da talla de Julia Vaquero Sousa, Damián e Óscar Alonso Alonso, Sergio Rodríguez Teixeira, etc. merécense nosa máis profunda admiración e apoio”.
Alfonso Rueda mostrou igualmente o apoio incondicional da súa persoa e a Xunta de Galicia ao club e acordou con Roberto José Álvarez Carrero, José Manuel Silva Vicente e o resto da xunta directiva do club, iniciar os trámites para convenios especiais de colaboración deportiva e económica a través de diversas liñas que en breve levarán a cabo.
A visita terminou ás 21:30 horas co mellor dos desexos de Alfonso Rueda a todo o club no seu desprazamento a Valladolid para disputar o partido de ida dos cuartos de final da Challenge Cup, a foto de familia e a invitación da xunta directiva a asistir a un dos partidos do Mecalia Atlético Guardés.
Alfonso Rueda, gran deportista cando as súas ocupacións permíteno, desprazouse en visita privada ao establecemento - Pub Viceversa - que rexenta Damián Alonso Alonso na rúa Transversal Troncoso, a carón da alameda da Guarda, a saudar persoalmente a un dos deportistas guardeses con mellor palmarés e interesarse polos seus novos retos deportivos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario