11 de feb. de 2020

O BAIXO MIÑO

Alcaldes de Baixo Miño piden o apoio da subdelegada do Goberno para a urbanización dunha senda fluvial  

· A proposta supramunicipal significaría un investimento de máis dun millón e medio de euros

· A subdelegada  do  Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, recibiu aos alcaldes da comarca de Baixo Miño para retomar o proxecto de urbanización da senda fluvial do río Miño desde Tui ata A Guarda, cunha extensión de 15 quilómetros  

A subdelegada  do  Goberno en Pontevedra, Maica Larriba recibiu hoxe aos alcaldes da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para presentarlle o proxecto de senda fluvial ao longo do río Miño
Foto: S.G.

Infogauda / O Baixo Miño 

 A subdelegada  do  Goberno en Pontevedra, Maica Larriba recibiu hoxe aos alcaldes da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para presentarlle o proxecto de senda fluvial ao longo do río Miño. En concreto estiveron presentes o  alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, Antonio Lomba, alcalde da Guarda, Anxela Fernández, alcaldesa do Rosal, e Sandra González, alcaldesa de Tomiño. Acompañados polo xefe provincial de Costas, Enrique Menéndez, presentaron o proxecto de urbanización da senda peonil e cicloturista no tramo fluvial do río Miño na súa extensión comarcal.  

 O proxecto inicial, elaborado polos concellos mancomunados, ascendería a un investimento de 1,6 millóns de euros, estendéndose desde a Ponte Internacional de Tui ata a desembocadura do río Miño, afectando a aproximadamente uns 15 quilómetros. 

 Os responsables municipais pediron a implicación da subdelegada do Goberno para impulsar esta mellora demandada desde fai máis dunha década para esta comarca pontevedresa.   

 Pola súa banda, Maica Larriba expresou o seu interese por este proxecto, valorándoo como “un investimento de futuro que melloraría o atractivo turístico para esta comarca, especialmente sensible á riqueza e equilibrio ambiental”. Por este motivo, Larriba comprometeuse a presentar este proxecto ao propio Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para que promova  o seu estudo por parte da Dirección Xeral de Costas e a procura de financiamento administrativo. 

 Hai que lembrar que esta ribeira goza xa dunha senda cicloturística e peonil na beira portuguesa e conseguiu un recoñecemento europeo pola súa calidade ambiental. 

 A subdelegada do Goberno realizará, proximamente, unha visita á comarca para comprobar in situ algunhas das melloras que se realizaron en pequenos tramos por parte dos concellos e que necesitan agora do impulso dun proxecto supramunicipal para esta beira do río Miño.  

 Os alcaldes tamén confían na implicación da Xunta de Galicia xa que esta marxe pertence á Rede Natura e por tanto, está dentro das competencias ambientais da administración autonómica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario