10 de feb. de 2020

MOVEMENTOS SOCIAIS

A sociedade galega, convocada mañá na defensa da Universidade pública

Ás 11 da mañá realizaranse concentracións simultáneas en todos os campus galegos     
 
Plataforma galega en defensa da universidade pública / Galiza

 Pola defensa da equidade social nos estudos superiores e contra a privatización da universidade. A Plataforma galega en defensa da universidade pública convoca mañá a toda a cidadanía a amosar o seu rexeitamento contra o proxecto de lei que permitirá a creación da primeira entidade privada deste tipo en Galiza promovida por Abanca e que conta co respaldo da Xunta de Feijóo.   

 A Plataforma galega en defensa da universidade pública, composta inicialmente polas tres organizacións sindicais con representación nas tres universidades galegas (CIG, CCOO e UGT), así como polas organizacións estudantís Erguer, ANEGA, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes levará a cabo mañá a primeira mobilización contra a privatización da universidade da man da entidade financeira Abanca. Recentemente tamén se adheriron á Plataforma as seguintes organizacións e entidades: Traballadores Galegos da Universidade (TGU), A Trabe Colectivo Nacionalista do PAS da USC, CONFEDERACIÓN ANPAS GALEGAS, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Grupo Común da Esquerda, Galiza Nova e BRIGA.   

 Ás 11 horas terán lugar concentracións diante de edificios significativos dos sete campus galegos.

Santiago
Reitoría da USC
Lugo
Biblioteca Intercentros
A Coruña
Facultade de Informática
Ferrol
Vicerreitoría Ferrol
Vigo
Reitoría da UVigo
Pontevedra
Facultade de Ciencias Sociais
Ourense
Facultades de CC. Educación e de Historia
 
  Nas concentracións de mañá pedirase a paralización do proxecto lexislativo que vai permitir a creación da Universidade Intercontinental da Empresa sen apenas coñecerse cales van ser as intencións dos seus promotores en canto a oferta formativa. Segundo a normativa existente debería ofertar cando menos 8 títulos entre graos e posgraos e parece que queren concentrar esta oferta nos eidos xurídico-social e enxeñaría-arquitectura. “Mentres se lle nega a autorización de novas titulacións ás universidades galegas e se ten conxelada a taxa de reposición dos seus efectivos, semella que se lle vai dar carta branca tanto para a contratación do profesorado como para a oferta académica, sen garantías de que se van cumprir os requisitos de calidade e excelencia que si se aplican nas institucións privadas.  

 Ademais da asistencia ás concentracións de mañá segue activa a posibilidade de adherirse tanto a nivel individual como colectivo á Plataforma no blogue blogue da Plataforma.

Ningún comentario:

Publicar un comentario