O itinerario literario e vital de Rosalía de Castro sintetizados nas fotografías de Xurxo Lobato
• Con elas repasa a vida e a obra de Rosalía de Castro
• A mostra poderá visitarse na Casa do Alonso ata o vindeiro 8 de marzo
De esq. a der.: Anxo Angueira, Antonio Lomba, Xurxo Lobato e Mª Montserrat Magallanes na inauguración da exposición “Airiños aires, Rosalía”
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
A Casa dos Alonso acolleu o pasado sábado o acto de inauguración da exposición “Airiños aires, Rosalía”, que contou coa presenza do fotografo Xurxo Lobato e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, así coma do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e da concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes e arredor de medio centenar de asistentes.
“Airiños aires, Rosalía”, é unha mostra que sintetiza unha viaxe no tempo a través dos espazos vitais polos que transitou Rosalía de Castro e na que o fotógrafo Xurxo Lobato rastrexa a peregrinaxe da Cantora do Sar por distintos puntos da xeografía rosaliana tanto en Galicia como fóra dela.
A través das cincuenta imaxes en branco e negro, de gran formato, que estarán patentes ata o 8 de marzo na Casa dos Alonso, a exposición traza a xeografía física, pero tamén emocional dunha autora que protagonizou un complexo itinerario durante os seus intensos 48 anos de existencia, ao mudar constantemente de residencia e de localidade.
Da man da certeira ollada de Xurxo Lobato, “Airiños aires, Rosalía”, permítenos facer unha viaxe singular a partires das primeiras constancias documentais da vida da escritora, como a pía de Santiago de Compostela onde recibiu o bautismo, localizada no Hostal dos Reis Católicos, para avanzar cara os seus referentes clásicos, o terreo rosaliano por excelencia: Compostela, Lestrobe, Padrón,…, ou as Terras de Iria que en tantos poemas cantou.
A Casa da Matanza, espazo senlleiro na vida de Rosalía e desde fai décadas, epicentro da cultura rosaliana e de culto a súa lembranza, ocupa tamén un importante espazo nunha mostra que rexistra tamén reflexos máis fugaces da súa vida froito das súas estadías en Madrid e Simancas, seguindo os pasos profesionais do seu marido, Manuel Murguía, historiador e escritor, creador da Real Academia Galega.
A Casa da Matanza, espazo senlleiro na vida de Rosalía e desde fai décadas, epicentro da cultura rosaliana e de culto a súa lembranza, ocupa tamén un importante espazo nunha mostra que rexistra tamén reflexos máis fugaces da súa vida froito das súas estadías en Madrid e Simancas, seguindo os pasos profesionais do seu marido, Manuel Murguía, historiador e escritor, creador da Real Academia Galega.
Na última parte da exposición, “Airiños aires, Rosalía” distánciase dos emprazamentos físicos para atender as recreacións artísticas desta icona da cultura galega. Desde figuracións clásicas en forma de retratos e esculturas, ata outras creacións máis apegadas á modernidade, que dan conta da profunda pegada que a autora deixou e da súa intanxible vixencia na nosa cultura. E tamén da continua reinterpretación que concita a súa figura singular, que continúa totalmente viva nas novas xeracións que mesmo a asumen no cotiá, en moitos ámetos da creatividade, da tecnoloxía e da comunicación visual e musical.
Xurxo Lobato guiou na Casa dos Alonso á visita á exposición
Logo das respectivas intervención de Mª Montserrat Magallanes, Xurxo Lobato, Anxo Angueira e Antonio Lomba; o autor da obra fotográfica exposta, fixo unha visita guiada aos asistentes ao acto da inauguración, explicando cada imaxe e indicando: “É a miña humilde homenaxe a Rosalía de Castro, a quen considero escritora de referencia tanto na literatura galega como na española. Foi unha muller que non quixo restrinxirse ó ámbito doméstico. Escapou do rol tradicionalmente atribuído á muller e asumiu protagonismo como escritora nun tempo no que iso era navegar contra o vento e a marea.
Relendo agora a Rosalía ollei unha intelectual, una feminista, unha galeguista, unha muller con gran conciencia social e política. Unha muller que sente o seu País, e que o sente con dor: a emigración, a inxustiza, a incomprensión de Castela,... E unha muller que tamén ama a natureza”.
Ao tempo que convidou a que á exposición sexa visitada por toda á cidadanía (escolares, profesores, veciñanza de A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño, Tui,...), o fotógrafo manifestou que “nestes tempos cómpre reivindicar a Rosalía como poeta e escritora, como pioneira na defensa das mulleres e como símbolo de galeguidade”. E sinalou que estas fotos “queren ser unha mirada nostálxica, evocadora da vida de Rosalía e da súa obra”.
Xurxo Lobato é un fotógrafo galego nado no ano 1956 na Coruña e que ten publicado fotografías en numerosos medios e axencias de comunicación a nivel nacional e internacional, recibindo varios premios polo seu traballo de periodismo gráfico ou fotoperiodismo.
Anxo Angueira nado en Dodro no ano 1961 é un filólogo, escritor e estudoso da literatura galega e actual presidente da Fundación Rosalía de Castro dende o ano 2012. É o autor de varios libros de diferentes xéneros como a narrativa, a poesía e o ensaio, destacando pola súa obra Pensa Nao (1999), pola que recebe o Premio Xerais na categoría de novelas.
Anxo Angueira valorou moi positivamente esta exposición e o traballo - de preto de tres anos - do fotógrafo, para plasmar a vida e os lugares rosalianos, indicando a súa satisfacción porque, cada día, máis concellos “fagan súa” a Rosalía e ao seu legado.
Tamén adicou unhas verbas moi agarimosas á cidadanía do pobo de A Guarda, por haber logrado recuperar o volanteiro, unha embarcación que había desaparecido fai un século, e que no pasado verán foi a estrela do Encontro de Embarcacións Tradicionais.
Angueira afirmou que contra a súa vontade, non pudo asistir coa súa dorna, pero celebra que A Guarda fose por uns días, á capital do patrimonio marítimo de Galicia.
Tamén relembrou á participación de Tino Baz e do Coro Cantares do Brueiro, que estiveron na Casa de Rosalía de Castro, con motivo da presentación do CD "Se cantan es ti que cantas", o recente traballo discográfico do cantautor guardés.
Tamén relembrou á participación de Tino Baz e do Coro Cantares do Brueiro, que estiveron na Casa de Rosalía de Castro, con motivo da presentación do CD "Se cantan es ti que cantas", o recente traballo discográfico do cantautor guardés.
“Airiños aires, Rosalía”, unha exposición fotográfica que ben merece unha visita de vagar
A exposición estará nos baixos da Casa do Alonso ata o 8 de marzo, de luns a venres, en horario de 8:00 a 15:00h e as fins de semana de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00h.
Outras actividades arredor da figura de Rosalía de Castro
Como en anos anteriores A Guarda terá moi presente a figura de Rosalía de Castro concentrando diferentes actividades abertas á participación cidadá para recordar a súa figura en torno a data de conmemoración do seu 183 aniversario, o 24 de febreiro.
Caldo de Gloria será a seguinte das actividades, que pretende involucrar na conmemoración deste día, aos bares e restaurantes. Esta iniciativa, que xa se realizou o pasado ano na nosa localidade, enmárcase no chamamento xeneralizado que dende a Casa de Rosalía fan a todos os establecementos de Galicia, convidándoos a ofertar Caldo de Gloria nas súas cartas, menús ou como pincho de acompañamento, os días 22, 23 e 24 (sábado, domingo e luns, Día de Rosalía), rememorando a receita que Rosalía de Castro evoca no poema “Miña casiña, meu lar”.
Os establecementos poden complementar esta iniciativa convidando aos seus clientes a recitar temas de Rosalía durante estes días.
Os establecementos interesados na iniciativa poden anotarse no Departamento de Cultura do Concello ou no formulario en liña: https://forms.gle/m9hiNX9rJTJE2TSYA
Por outra banda, o día 24 de febreiro, con motivo do 183 aniversario do seu nacemento, conmemórase en toda Galicia o Día de Rosalía. Nesa data, que este ano cadra co Luns de Entroido, terá lugar un sinxelo acto na Casa do Concello, no que o executivo municipal convida á todo amante da obra de Rosalía a que se sume a unha lectura conxunta de poemas da autora. Será as 12:00 h na Praza do Reló e todas as persoas interesadas en participar poden xa anotarse no Departamento de Cultura do Concello ou no formulario en liña: https://forms.gle/1VUJVrt81bVPhzKc9
Por último, durante esta última semana de febreiro o Concello activará novamente a experiencia dixital Rosalía nas Redes, compartindo contidos nas redes sociais sobre a vida e obra da autora. Todas aquelas persoas que queiran sumarse á iniciativa poden crear e subir contido ao facebook e twitter de @culturaguarda etiquetando con #Rosalíate ou #Rosalíanasredes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario