Seguen as mobilizacións da CIG-Industria diante da empresa de Coruxo
As concentracións repetiranse cada semana até que a empresa dea marcha atrás na súa decisión
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
A CIG-Industria de Vigo continuou hoxe coas mobilizacións para reclamar a readmisión do delegado da central despedido en Odefri, compañía do sector do frío industrial con sede en Coruxo. Unha vez rematado o acto de conciliación sen acordo, o afectado atópase á espera de xuízo.
Dende a CIG lembran que o traballador foi despedido tras unha campaña de acoso por defender os dereitos laborais dos seus compañeiros/as, polo que teñen claro que se tratou dun acto de represión sindical. Por iso despregaron unha faixa diante das instalacións da empresa reclamando a readmisión do traballador e berraron consignas como “Odefri represión, despedido readmisión”.
As concentracións repetiranse cada semana até que a empresa dea marcha atrás na súa decisión.
Dende a federación de Industria denuncian “a actitude de UGT e CCOO, as outras dúas centrais con representación no comité (3 delegados/as da UGT, 1 da CIG e 1 de CCOO), xa que non apoian nin participan nas mobilizacións e no caso dos representantes da UGT mesmo se posicionaron a favor da empresa e en contra do compañeiro despedido”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario